publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro será finalista no Premio internacional AR&PA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro, xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é un dos finalistas do prestixioso Premio Internacional AR&PA de Intervención no Patrimonio Cultural, polo que compiten na edición de 2014 un total de oito proxectos de varios países.

Xunto co PAAR de Campo Lameiro, optan ao premio o proxecto de restauración da Cámara Santa da catedral de Oviedo (Goberno do Principado de Asturias), o proxecto de recuperación do teatro romano de Clunia, en Burgos (Universidade de Valladolid), a intervención dentro do complexo arqueolóxico dos Mercados de Trajano, en Roma (Luigi Franciosini), a remodelación do Museo Arqueolóxico Nacional, o proxecto de recuperación do submarino de Peral (Museo Naval de Cartaxena), o convento de Vilar Frades (Goberno de Portugal) e a restauración da catedral de Tarazona (cabildo de Tarazona). Os proxectos foron seleccionados entre un total de 25 propostas.

O director do PAAR de Campo Lameiro, José Manuel Rey, defenderá esta tarde a candidatura perante o xurado do premio, no Auditorio Miguel Delibes de Valladolid. O gañador do galardón darase a coñecer o sábado 15 de novembro no marco da IX Bienal de Restauración y Gestión del Patrimonio.

Esta feira promovida pola Junta de Castela e León, unha das máis importantes do mundo sobre patrimonio, celébrase no Centro Cultural Miguel Delibes de Valladolid ata o domingo 16 de novembro, coa participación de preto de 300 empresas e institucións, e cun programa que inclúe 200 actividades arredor do patrimonio, entre encontros, conferencias, comunicacións e mesas redondas, así como diversas xornadas técnicas e ‘workshops’.

O PAAR de Campo Lameiro

O PAAR é un ambicioso equipamento cultural creado pola Xunta de Galicia co fin de xerar un modelo integrado de xestión baseado no equilibrio entre conservación, investigación e difusión dos petróglifos de Galicia. Nese sentido, o parque é unha infraestrutura cultural para coñecer os petróglifos de Galicia, un dos máis destacados conxuntos de arte rupestre ao aire libre do continente europeo, e para se achegar á vida cotiá dos nosos antepasados. Ademais, o PAAR tamén cumpre funcións para a investigación e a produción de coñecemento experto sobre os petróglifos de Galicia.

14 de novembro de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.