Un incendio queima 5 hectáreas de monte na Rede Natura en Chandrexa de Queixa
Un incendio queimou durante a noite do mércores unhas cinco hectáreas de monte raso nas saias do Macizo Central galego, no Concello de Chandrexa de Queixa (Ourense), unha zona que forma parte do espazo considerado Lugar de Interese Comunitario Rede Natura.
Fontes veciñais, así como ou alcalde da localidade, Francisco Rodríguez, confirmaron que as chamas comezaron en monte raso entre os pobos das Taboazas e Vilar e extinguíronse á primeira hora da mañá deste xoves. O alcalde atribuíu a orixe das chamas á intención de limpar un monte para xerar pastos.
Fontes consultadas da Xunta de Galicia confirmaron que o espazo afectado polo lume pertence á Rede Natura. Na extinción, traballaron dúas brigadas do distrito forestal de Valdeorras-Trives e un axente forestal, segundo fontes do servizo de extinción.