publicidade hoxe

Teresa Romero sométese a novas probas do ébola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáGaliciaGalicia exterior
A-
A+
Europa Press

A auxiliar de enfermaría enferma de ébola, Teresa Romero, someterase este luns e martes a novas probas para descartar definitivamente a existencia de virus no seu organismo, e de confirmarse o primeiro PCR negativo, Romero será unha persoa “curada” e poderá abandonar o seu illamento, segundo confirmaron o doutor José Ramón Arribas, director da Unidade Infecciosa do complexo La Paz-Carlos III.

“Vanse realizar probas de carga viral hoxe e mañá e se se confirma o negativo estará totalmente curada”, indicou Arribas en declaracións á SER. No caso de que se confirme o PCR negativo, a paciente poderá “levar unha vida completamente normal” dende o punto de vista de contacto con outras persoas”, engadiu.

Precisou, non obstante, que o concepto de curación implica a restauración total da saúde que a paciente tiña antes de contaxiarse co virus e precisou que “cunha enfermidade tan agresiva pode levar tempo”. O doutor insistiu non obstante en que a evolución da paciente “foi moi positiva” incluída a dos seus pulmóns e destacou a fortaleza mental de Teresa Romero.

Pola súa banda, o director do centro de alertas e emerxencias do Ministerio de Sanidade e membro do comité especial para a xestión do ébola, Fernando Simón, confirmou a realización de novas probas este luns e aínda que pediu prudencia ante o resultado recoñeceu que “existe a confianza de que todo vai moi ben”. Recordou tamén a afección pulmonar da que “tardará aínda uns días en recuperarse”.

En declaracións á Cope, explicou que o caso de Teresa Romero “foi un master” para todos” e recoñeceu que non se prevía “unha reacción social tan grande” motivada polo contaxio da auxiliar de enfermaría. “Dende o punto de vista técnico estou relativamente tranquilo porque viñamos traballando dende había meses, pero tamén é certo que é unha enfermidade moi rechamante e de moita gravidade e tivemos que aprender en canto a comunicación”, admitiu Simón.

O director do centro de alertas e emerxencias do Ministerio declinou non obstante valorar a posibilidade de que se asuman responsabilidades políticas pola crise do ébola. “O meu traballo é técnico e entro na parte política o menos posible, nin entendo nin teño moito interese en entrar”, resolveu Simón.

20 de outubro de 2014 | 10:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.