publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Confírmase que o Mercado dos Mouros é un xacemento romano que será obxecto de protección

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaValga
A-
A+

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, visitou hoxe o xacemento coñecido como Mercado dos Mouros ou Agro de Xaz, unha vez que os traballos arqueolóxicos realizados na zona acaban de confirmar que se trata duns restos da época romana.

Froito dun convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Valga, levouse a cabo unha intervención arqueolóxica con escavacións e investigacións que confirman que se trata dun asentamento habitacional/portuario da época romana.

A partir de agora, a Consellería de Cultura e Educación garantirá a protección deste achado, que é unha testemuña máis da presenza romana no territorio galego. O primeiro paso neste sentido é incorporar toda a información obtida ao inventariado dos Bens Arqueolóxicos de Galicia. Así mesmo, en colaboración do Concello de Valga, o departamento de Cultura do Goberno galego analizará a súa inclusión no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, así como no catálogo de planeamento do propio Concello.

O xacemento é un espazo de 11.500 m2 de forma ovalada sobreelevado arredor dun metro e rodeado dun espazo de brañas que periodicamente se anega debido ás crecidas do río Ulla. O informe conclúe que este espazo debeu de ter unha vinculación especial co río, aproveitando a chegada de produtos por vía fluvial para logo comercializalos cara ao interior. Trátase, por tanto, do terceiro porto confirmado da época romana no Ulla, que se suma ao espazo Pontecesures-Monte do Porto e ás Torres do Oeste.

30 de outubro de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.