Unha persoa falece tras saírse da vía co seu vehículo e caer ao encoro de San Fiz
Unha muller duns 43 anos de idade faleceu este luns nun accidente rexistrado ao saírse da vía un vehículo e caer a un encoro no municipio ourensán da Veiga.
Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, o sinistro tivo lugar sobre as 14,00 horas ao saírse da vía pola marxe esquerda e despeñarse un vehículo que caeu ao encoro de San Fiz.
O accidente ocorreu, en concreto, na estrada de Petín a San Fiz no termo municipal da Veiga e saldouse cunha persoa falecida.
Ao lugar o 061 desprazou unha ambulancia asistencial; un helicóptero do 061, que non puido chegar por mala meteoroloxía; así como persoal sanitario do Bolo.
No lugar o persoal sanitario confirmou o falecemento da muller C.G.C., de 43 anos, e atendeu a unha moza de 18 anos, que foi trasladada ao Hospital de Valdeorras.