publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O novo centro de saúde da Valenzá beneficiará a máis de 8.500 veciños de Barbadás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarbadásLocal PortadaOurensePortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a construción do novo Centro de Saúde da Valenzá, no Concello de Barbadás; un infraestrutura sanitaria que, segundo explicou, beneficiará a máis de 8.500 veciños da comarca e que dá continuidade ao compromiso do Goberno galego de impulsar de forma decidida a modernización da rede de centros de saúde públicos desde 2009.

“Imos proseguir co compromiso de facer unha nova rede de infraestruturas hospitalarias e centros de saúde de atención primaria no Servizo Galego de Saúde”, reiterou. Así, indicou que, despois de ter rematado o hospital de Lugo, e completa a ampliación de Urxencias do Complexo Hospitalario da Coruña, continúan en execución as obras de ampliación do Hospital de Ourense, e mantense o obxectivo de abrir o Hospital Público de Vigo unha vez finalizado definitivamente e adquirido o material necesario para poñelo en servizo. De igual xeito, salientou que está en proceso de licitación o Hospital Público do Salnés, en marcha tamén a tramitación para a ampliación do Hospital Público da Costa, e que segue vixente o compromiso de construír o novo Hospital Público de Pontevedra.

Sobre o centro de saúde da Valenzá, precisou que este centro sanitario contará cun investimento de arredor de 3,5 millóns de euros, terá un prazo de execución de 12 meses.

Así mesmo, a súa superficie total será de preto de 2.000 metros cadrados e contará con 5 consultas de medicina xeral, 2 consultas de pediatría, 7 consultas de enfermaría, consulta de matrona, sala de educación para a saúde, consulta de odontoloxía, consulta de atención de urxencias e unha sala da muller, entre outros servizos.

Dos 15 centros de saúde comprometidos para esta lexislatura, explicou, a licitación do centro de saúde da Valenzá, súmase aos once centros cuxos proxectos de construción xa están desbloqueados: o de Tui, Panxón (Nigrán), Buño (Malpica), Galeras (Santiago de Compostela), O Couto (Ourense), Oia, Arteixo, Marín, Gondomar, Culleredo e O Temple (A Coruña).

25 de setembro de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.