publicidade hoxe

A Garda Civil detén aos 12 presuntos autores de máis dunha trintena de roubos con forza no Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosGaliciaLocal PortadaMeañoMeisO GrovePortada dereitaRibadumiaSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil detivo os 12 presuntos autores de máis de 30 roubos con forza en vivendas, establecementos comerciais, colexios e nos depósitos de combustible de numerosos camións nos municipios de Cambados, Meis, Ribadumia, Meaño e O Grove, na bisbarra pontevedresa de O Salnés.

   Os detidos son J.J.B.C., 28 anos veciño de Meis; R.P.R., 21 anos veciño de Meis; C.A.C., 24 anos veciño de Meis; M.P.T., 32 anos veciño de Meaño; O.B.P., 43 anos veciño de O Grove; D.M.T., 33 anos veciño de Meis; M.S.M., 24 anos veciño de Ribadumia; M.V.P., 44 anos veciño de Meis; F.H.M., 26 anos veciño de Soutomaior; M.M.A., 47 anos veciño de Vilagarcía de Arousa; A.R.A., 47 anos veciño de Portas e M.R.L.G., 49 anos veciña de Portas.

   Todos eles contan con antecedentes policiais e unha vez tomadas as oportunas declaracións quedaron en liberdade coa obriga de presentarse nos Xulgados de Instrución de Cambados cando para iso sexan requiridos. As investigacións continúas, polo que a Garda Civil non descarta a imputación de máis roubos aos detidos.

   Estas detencións son froito das investigacións que compoñentes do Posto Principal da Garda Civil de Cambados viñan realizando dende o principio deste ano, segundo explica nun comunicado.

   Este grupo de delincuentes non se especializara nun tipo concreto de roubos e variaban os seus obxectivos en función das garantías de éxito, indica a Garda Civil. “Cometían os roubos en lugares coñecidos, próximos ás zonas onde vivían, e para iso adoitaban vixiar a zona previamente para recoñecer o terreo polo miúdo e así evitar sorpresas durante a comisión do delito”, engade.

   Ademais de roubos en vivendas, onde entre outros aparellos se apoderaron de armas de fogo, como escopetas e carabinas, de xoias, bicicletas e ferramentas, tamén o fixeron en establecementos comerciais e de hostalaría e en colexios — onde subtraeron ordenadores portátiles e televisións de LCD–.

   Así mesmo, tamén comerciaban co gasóleo roubado nos depósitos dos camións despois de acceder ás instalacións das empresas de transporte onde se concentraban grande cantidade deles — transportándoo en garrafas de 25 litros que vendían a 20 euros a garrafa, podendo chegar a vender miles de litros utilizando este procedemento — .

   A maiores, procedeuse á imputación de A.T.A., de 64 anos de idade e veciña de Vilagarcía de Arousa; de A.L.C., de 33 e veciño de Meis e de CM.G.D., de 27 e con domicilio en Marín, como presuntos autores dun delito de receptación. A Garda Civil non descarta novas imputacións por este mesmo ilícito.

GRANDE CANTIDADE DE EFECTOS

   No transcurso da investigación interveuse grande cantidade de efectos, posiblemente procedentes de roubo, de acordo co relato de Garda Civil, que aínda non puido localizar os seus lexítimos donos.

   Por iso, indica ás persoas que foran vítima de roubos similares poden pasar a recoñecer os obxectos que se atopan depositados nas dependencias do Posto Principal da Garda Civil de Cambados.

27 de setembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.