publicidade hoxe

O PXOM de Petín incrementa en medio millar de vivendas a capacidade residencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePetínPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Petín, na Comarca de Valdeorras.

O novo documento de planeamento mellora, amplía e perfecciona notablemente as posibilidades de crecemento do termo municipal que se viña rexendo por unhas normas vixentes desde hai case 30 anos.

Con esta aprobación Petín únese á lista dos concellos galegos que contan cun planeamento adaptado á lei vixente, 77 en total en Galicia. Nos últimos cinco anos, aprobáronse un total de 42, dos cales 27 pertencen á provincia de Ourense e 3 deles á comarca de Valdeorras (Petín, O Barco de Valdeorras e Vilamartín).

Contido do PXOM

O novo plan xeral clasifica como solo rústico protexido máis do 97 por cento da súa superficie, co que se garante os seus valores físicos e ambientais que en parte tiñan xa o seu reflexo en figuras de protección como LIC do Macizo Central, a contorna do Encoro de San Martiño e 2 áreas de prioritarias de conservación de aves.

O solo de núcleo rural define un 1,3 por cento da superficie municipal (preto de 400.000 m²), onde se recoñecen os 14 núcleos rurais existentes fóra do núcleo urbano, na súa maior parte de natureza tradicional (un 7 por cento), pero tamén recolle algúns de natureza complexa, e fixa 3 núcleos rurais (Santoalla, O Pacio e Aldea) nos que a súa protección se terá que desenvolver mediante un plan especial.

Sobre outros datos relativos ao proxecto de planeamento destaca o solo urbano, que se limita practicamente a un 1 por cento (323.000 m²) da superficie municipal, que se corresponde todo el o actual núcleo urbano de Petín. A maior parte deste solo urbano é consolidado, onde se establecen específicas ordenanzas de aplicación para o núcleo antigo, residencial de intensidade media, residencial aberta e vivendas sociais.

Tamén, o documento contempla un único ámbito como urbanizable non delimitado, que ocupa un 0,36 por cento da superficie municipal (110.000 m²), para uso industrial na parroquia de Freixido á beira da estrada OU-533, como previsión para o asentamento de futuras actividades. Cómpre resaltar que a capacidade residencial total establecida polo Plan Xeral é de 1.270 vivendas, das que un 59 por cento (749) son as existentes e un 41 por cento (521) as previstas para o futuro.

En relación ás dotacións, o plan xeral incrementa as previsións que marca a Lei no relativo a dotación de espazos libres e zonas verdes, que aumenta nun 11 por cento, e de forma moi especial no que se refire a equipamento comunitario, que con máis de 48.000 m², chega a multiplicar por 5 as esixencias que impón a normativa.

12 de agosto de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.