Camións cisterna abastecen de auga a Muxía
O Concello de Muxía contratou catro camións cisterna de 25.000 litros de capacidade cada un para garantir o abastecemento de auga este sábado, tras a vertedura de purín no río Negro o día anterior, e o consecuente corte da subministración nas parroquias de Muxía, Moraime e Ozón.
Os veciños de Muxía xa están “completamente” abastecidos de auga, segundo informou o alcalde, Félix Porto. Con todo, outros puntos afectados, como Moraime, terán que esperar até as 14 horas para ter auga, confirmou Porto, que garantiu que este sábado “todo estará restablecido”, aínda que nas zonas máis altas do pobo é “máis complicado”. Os camións cisterna nútrense da traída da Mancomunidade Comarca de Fisterra, á que pertence Muxía.
Así as cousas, Porto agradeceu a “colaboración” do Concello de Camariñas para axilizar o proceso, despois do baleirado dos tres depósitos afectados, que suman case 1,3 millóns de litros, e cuxo proceso de enchido é “moi custoso e lento, cunha media de doce horas para recuperar a situación anterior”.
Desta maneira, o rexedor indicou que o río Negro está “pendente de analíticas” para comprobar se está contaminado e transmitiu a súa “confianza” en que se poida “salvar” este fin de semana grazas aos camións e o luns “restablecer a plena normalidade”.
3.000 VECIÑOS E 1.500 TURISTAS AFECTADOS
O alcalde calculou que a vertedura afectou a “unhas 3.000 persoas”, aínda que a metade delas teñen abastecemento propio. Ademais, 1.500 turistas tamén se viron afectados, segundo os datos do rexedor.
O concello cortou a subministración sobre as 10.00 da mañá deste venres, tras constatar que o líquido saía turbio, pero o mal cheiro xa se propagou por algunhas zonas da localidade. O goberno local deu parte á Policía Local e ao Seprona. Algúns usuarios, alarmados, tamén chamaron aos axentes da Garda Civil.