Continúa a dinamización do galego no verán coas propostas de lecer do ‘Falaredes 2014′
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a fomentar o galego entre o público de todas as idades da man do programa FalaRedes, que esta semana fai parada en nove concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nesta ocasión, os anfitrións das actividades Os sons do vento que pasa, Augalingua e Os Bolechas e o Sabichón son os municipios coruñeses de Vedra, Abegondo e Rois, os pontevedreses de Cerdedo, Cotobade, Moaña e Bueu e os lucenses de Outeiro de Rei e Castro de Rei.
Así pois, a rapazada de Abegondo pasará hoxe unha tarde de diversión, a partir das 17:30 horas na piscina municipal, coa xincana lingüística Augalingua, que mañá chegará a Cotobade, ás 11:00 horas na piscina fluvial da Chan, tras pasar xa desde o martes polas localidades de Vedra e Cerdedo.
Tamén mañá, a xente miúda de Rois poderá participar no divertido concurso Os Bolechas e o Sabichón, ás 20:00 h no Auditorio do Edificio Multiúsos, sendo a quenda o sábado dos nenos e nenas de Outeiro de Rei, ás 20:00 h no Salón de Actos da Casa da Cultura, e o domingo dos de Castro de Rei, ás 18:00 h na Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de Lea.
Pola súa banda, o concerto de fados Os sons do vento que pasa aterrará o domingo en Bueu, ás 21:00 h na Praza Massó, logo do éxito colleitado o luns en Moaña.
Actividades para todas as idades
O FalaRedes 2014 está destinado a todos os públicos, con especial incidencia na infancia, á que se dirixen as propostas Os Bolechas e o Sabichón, para os máis pequenos da casa e as súas familias, e Augalingua, destinada á rapazada de 6 a 12 anos.
No concurso protagonizado polos famosos bonecos, os irmáns Braulio e Loli Bolechas enfróntanse como líderes de senllos equipos e piden ao público que lles axude a venceren, de forma que os nenos e nenas de 4 a 8 anos demostran as súas habilidades lingüísticas e aprenden novas palabras da man dos seus personaxes favoritos.
En Augalingua, os rapaces achéganse ao galego durante o seu tempo de lecer nas piscinas municipais ou praias fluviais dos seus municipios, onde participan en grupo nunha divertida xincana que combina xogos de lingua con probas de habilidade e rapidez, ligando a imaxe do idioma á diversión e aos xogos.
Xa pensado para o público xeral, co concerto de fados Os sons do vento que pasa o espectador mergulla a través da lingua propia de Galicia na música tradicional portuguesa, nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado.
De xira ata finais de ano
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións coas que reforzará a súa oferta de ocio.
Completan a programación desta terceira edición do programa a obra de teatro infantil-familiar As fabas máxicas, que en setembro retomará a súa itinerancia pola Rede de Dinamización Lingüística, e o concerto infantil Toc Toc, que xa concluíu unha exitosa xira na que máis de 5.000 persoas gozaron coa música de Pablo Díaz e a súa banda.