Os votos de populares e independentes apartan da alcaldía de Arbo ao nacionalista Xavier Simón

Entrega do bastón de alcaldía de Arbo
Os cinco concelleiros do PP e dous independentes de AIAR votaron este venres a favor da moción de censura que aparta da alcaldía de Arbo ao nacionalista Xavier Simón, nun pleno cargado de emotividade, no que os presentes ían ataviados con camisetas en contra da liña de alta tensión que cruzará esta localidade e outras co lema ‘Arbo non se vende’.
O voceiro do PP e agora alcalde, Horacio Gil, xustificou a presentación desta moción pola perda de confianza da Corporación en Xavier Simón, e insistiu en que o seu grupo está “plenamente lexitimado” para ofrecer unha alternativa de goberno.
Así mesmo, acusou o nacionalista de propiciar unha situación de “desgoberno” ao non manter o seu pacto con AIAR, de ser “incapaz” de aprobar uns presupostos municipais nos últimos dous anos e de propiciar a “crispación”.
Tras tomar o bastón de mando, Horacio Gil prometeu poñerse “mans á obra dende o primeiro instante” para devolver a “estabilidade” a Arbo. “Os veciños demandan eficacia e eficiencia, e eu asumo esa responsabilidade. Estará á altura do que o Concello merece”, proclamou.
AIAR
Pola súa parte, o voceiro de Alternativa Independente de Arbo (AIAR), José Simón Ferro, xustificou o apoio á censura pola actitude do alcalde que, ao seu xuízo, “deixou de lado o interese municipal” en favor de intereses ideolóxicos e de partido”. “Tras as eleccións apoiamos un goberno do BNG para dous anos, ese foi o noso primeiro erro”, apuntou Simón Ferro.
A ese respecto, subliñou que, malia o acordo entre nacionalistas e independentes, Xavier Simón non cumpriu o pacto e non lle cedeu a alcaldía ao cabo deses dous anos, un extremo que foi negado polo nacionalista.
Sobre o apoio ao PP, o voceiro de AIAR matizou que “non é incondicional”, senón que esixirán a Horacio Gil “que siga coas cousas que se estaban a facer ben”.
A posición de Simón Ferro foi duramente criticada pola súa anterior compañeira de partido, Fabiola Durán (única independente que quedou no goberno cando rompeu, hai un ano, o pacto entre AIAR e BNG), quen advertiu o concelleiro de que nin os votantes de AIAR nin o pobo de Arbo están en venda”.
Durán recriminou ao seu antigo compañeiro de filas que non quixera ser alcalde hai un ano, e que agora apoie a Horacio Gil, malia presentarse ás eleccións demandando “un cambio”. “Terás que explicar por que agora apoia a alguén a quen non quixo facer alcalde antes”, lle reprochou.
BNG
Pola súa banda, Xavier Simón (moi aplaudido polos presentes no salón de plenos e por veciños que se congregaron ás portas da casa do concello), defendeu a xestión do seu equipo, que chegou ao Concello cando este “ía á deriva”, con multitude de débeda sen pagar, proxectos sen financiamento e gastos superfluos que foron recortados.
“Estou orgulloso de todo o que fixemos”, proclamou, ao tempo que prometeu que o BNG “non se vai para casa”, senón que fará unha “oposición construtiva pero contundente”, á espera de volver ter a confianza dos arbenses nas próximas municipais.
Tanto o xa exrexedor como o voceiro do seu grupo, Pepe Álvarez, repasaron os proxectos e consecucións do goberno saínte, entre os que destacaron a mellora da situación financeira do Concello, grazas a recortes (nalgúns casos de ata o 50 por cento) en gastos como a luz, o teléfono, pagamento de débedas e outros conceptos.
“Horacio Gil non pode falar de proxecto de futuro, porque el estivo no goberno que deixou esa nefasta herdanza”, recalcou o voceiro do BNG, quen denunciou que “esta non é unha moción de censura para solucionar os problemas de Arbo, senón os do PP”.
ARROZ PARA OS “NOIVOS”
Malia que o pleno se desenvolveu sen incidentes, un grupo de veciños, simpatizantes de Xavier Simón, congregouse ás portas da casa do concello para apupar aos compoñentes do novo goberno municipal.
Mentres que o exrexedor nacionalista e o seu equipo foron recibidos entre aplausos, tanto os edís do PP como os dous de AIAR, saíron entre unha chuvia de arroz e terra, mentres os veciños berraban “Vivan os noivos!’ e “Que se biquen!”. Así mesmo, varias persoas increpábanlles chamándoos “corruptos” e “Bárcenas”, mentres que solo unha minoría lles apoiou con aplausos.