publicidade hoxe

O rexedor de Coristanco móstrase sorprendido pola súa imputación por prevaricación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristancoLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

O alcalde da localidade coruñesa de Coristanco, o popular Antonio Pensado, mostrouse este mércores “sorprendido” pola súa imputación por suposta malversación e prevaricación e defendeu a xestión do Concello en relación ao contido da querela presentada sobre actuacións con varias empresas.

En declaracións, o rexedor municipal negou as acusacións recollidas na querela formulada pola empresa Fidel Miramontes, sobre a que sinalou que “leva varios anos con denuncias”.

Ao respecto, Pensado explicou que Fidel Miramontes presentou un proxecto “incompleto” ao que “faltaba documentación”, polo que o Concello lla requiriu, pero “hai uns meses presentou unha querela contra a Casa do concello, segundo recordou.

Neste sentido, cualificou de “sorpresa” a querela e a imputación e sinalou que “o que ten é que presentar a documentación que esixe a lei” e o “Concello dar licenza cando estea o expediente completo”, abundou.

Ademais, o alcalde relatou que a imputación se refire, ademais, á adquisición dunha máquina retroescavadora cun “prezo sobrevalorado”, sobre o que aclarou que, ademais desta, compraron accesorios; e á adquisición de gasóleo, que dixo destínase a persoal municipal, Protección Civil e servizo contra incendios, entre outros.

ACTAS DE OBRAS

Tamén sinalou que o xulgado instrutor pediu actas “doutras obras adxudicadas”. Por iso, o Concello procedeu a recompilar toda a documentación para “con rigor” proceder a “colaborar” coa Xustiza.

“Estamos a preparar a documentación”, indicou, que “o xulgado ten que verificar”, para insistir en que “iso non é así”, en relación ao contido da querela formulada.

“Imos colaborar con todo rigor para que a lei coloque a cada un no seu sitio”, subliñou o alcalde de Coristanco, que rexeitou as acusacións contra a actuación do Concello.

18 de xuño de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.