O Partido Popular de Arbo rexistra unha moción de censura contra o alcalde do BNG
O grupo do PP no Concello de Arbo (Pontevedra) presentou este luns no rexistro municipal unha moción de censura que conta, ademais de coas firmas do cinco edís populares, co apoio de dous concelleiros do grupo AIAR, Alternativa Independente de Arbo, para apartar da alcaldía a Xavier Simón (BNG), segundo confirmou o portavoz do PP, Horacio Gil.
O motivo para adoptar esta decisión foi, segundo Gil, a situación “insustentable” deste municipio, gobernado en minoría polo nacionalista Xavier Simón, “con tres concelleiros de 11 que ten a Corporación”. A isto súmase o “malestar” do pobo pola xestión que o rexedor, Xavier Simón, fixo do conflito sobre a liña de alta tensión que pasará por Arbo, ou o feito de que o municipio leve dous anos sen orzamentos.
“É unha moción de censura construtiva, que ofrece unha alternativa”, aclarou o portavoz do PP, quen subliñou que a maior parte da corporación de Arbo “perdeu a confianza” no rexedor, ao que responsabilizan da situación de “desgoberno” desta localidade.
Así, a moción de censura, a un ano de que se celebren eleccións municipais, está asinada por cinco concelleiros do PP, encabezados polo propio Gil, e polos independentes José Simón Ferro e Salomé Troncoso. Con estes sete apoios, teñen garantido apartar da alcaldía a Simón, que goberna cos outros dous edís do BNG e coa concelleira non adscrita e tenente de alcalde, Fabiola Durán (anteriormente nas filas de AIAR).
GIL COMO NOVO ALCALDE
Unha vez presentada a moción de censura, o alcalde ten un prazo de 10 días para convocar a sesión plenaria na que se debaterá. Os asinantes da mesma, proporán a Horacio Gil como próximo alcalde de Arbo, e Salomé Troncoso perfílase como tenente de alcalde.
Tras as últimas eleccións municipais, nacionalistas e independentes chegaron a un acordo para gobernar en coalición (ambos lograron 3 concelleiras), pero AIAR rompeu o pacto a principios de verán do 2013, ao considerar que Simón incumprira o seu compromiso de ceder a alcaldía ao grupo independente transcorridos dous anos.