Publícase a orde pola que se aproba o regulamento da IXP Pemento de Oímbra
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se aproba o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Oímbra e se nomea o seu Consello Regulador provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada pola normativa vixente.
O regulamento da IXP inclúe as características do produto protexido –aspectos como forma, peso, pel ou cata–, a zona de produción –que está constituída pola totalidade da comarca ourensá de Verín–, as técnicas de cultivo, recolección, almacenamento, envasado e comercialización, entre outros aspectos.
Así mesmo, o regulamento especifica tamén os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto, sinalando que se basearán en inspeccións ou auditorías das plantacións, almacéns e industrias, revisión de documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos no propio regulamento.
Neste documento concrétase que os pementos amparados pola IXP con destino ao consumo levarán, ademais da etiqueta comercial propia do envasador, unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria, de acordo coas normas establecidas no manual de calidade.
En canto ao Consello Regulador, na norma publicada hoxe polo DOG establécese que levará un rexistro de produtores e plantacións e outro de almacéns e plantas envasadoras e que só as persoas físicas ou xurídicas que teñan debidamente inscritas as súas plantacións e almacéns poderán destinar a súa produción a ser amparada pola IXP. Tamén se indica que o Consello Regulador da IXP adoptará como logotipo o que figura como anexo do regulamento.