publicidade hoxe

Detidos os 5 presuntos autores de incendios forestais en Fornelos de Montes, Forcarei, Ourense e Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiFornelos de MontesLocal PortadaOurensePortada dereitaSucesosTeo
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica das xefaturas de Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela informaron hoxe da detención de cinco persoas como supostos autores de incendios forestais nos concellos de Fornelos de Montes, Forcarei, Ourense e Teo.

Os axentes de Pontevedra procederon á imputación de tres persoas: dous homes en Fornelos de Montes e outro máis en Forcarei. Aos dous primeiros se lles atribúe un lume o pasado 8 de maio na parroquia de Ventín, en Fornelos de Montes, que afectou a 42.000 metros cadrados de superficie arborada. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de garda en Redondela.

Pola súa banda, ao imputado de Forcarei se lle atribúe un incendio na parroquia de Pardesoa o pasado día 10 de maio no que arderon 7.000 metros cadrados de arborado e cuxas dilixencias foron remitidas Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de garda na Estrada. Neste caso, como no anterior, os incendios estiveron provocados por escapes de queima incontrolados, nos que non se adoptaron as medidas de seguridade necesarias.

Lumes en Ourense e Teo

En Ourense, os axentes da Policía Autonómica informaron tamén da imputación dun home residente na Cidade das Burgas, como presunto autor dun incendio forestal provocado mediante un chisqueiro. O lume que se lle imputa ocorreu o pasado 15 de maio no lugar de Beiro, no Concello de Ourense, e afectou a 1.500 metros cadrados de monte arborado, sendo necesaria a actuación do persoal de extinción de incendios da Xunta. As dilixencias deste caso foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Ourense.

O último dos detidos, foi imputado polos axentes da Xefatura de Santiago de Compostela por ser o presunto autor dun incendio forestal na parroquia de Calo, en Teo. O incendio foi orixinado por mor dunha queima neglixente de restos agrícolas nun momento no que ademais estaban prohibidas por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar.

As lapas afectaron a 500 metros cadrados de monte e non se propagaron máis pola rápida actuación dos servizos de extinción de incendios e o persoal do Distrito Forestal III-Santiago Meseta Interior. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Santiago de Compostela.

Na actual campaña anti-incendios forestais, xa son 42 as persoas que foron detidas ou imputadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

21 de maio de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.