Despedida aos 28 residentes que finalizaron a súa formación nos centros de saúde de Pontevedra e O Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Despedida dos residentes

Despedida dos residentes

A Xerencia de Xestión Integrada despediu hoxe aos 28 especialistas que remataron a súa formación nos hospitais e centros de saúde de Pontevedra e O Salnés e deu a benvida aos 35 novos residentes que se incorporan este ano, para formarse en especialidades hospitalarias, medicina familiar, enfermaría obstétrico-xinecolóxica (matronas), e, por primeira vez, enfermaría familiar. O acto, presidido polo director xerente José Manuel González, celebrouse no salón de actos do hospital Montecelo.

Na súa intervención, José Manuel González resaltou que “no curso académico 2013-2014, que hoxe clausuramos, contamos por primeira vez con catro estudantes de 5º de Medicina, que realizaron aquí parte da docencia programada deste curso lectivo”, destacando que foi o estreo “real” como Hospital Universitario, tras conseguir acreditación a finais de 2012, en recoñecemento ao nivel de calidade e prestixio acadados polo labor asistencial, docente e de investigación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

González Álvarez suliñou que, por primeira vez, os centros da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés van a formar especialistas en enfermería familiar, ademais de matronas, porque “nosa área sanitaria aposta de forma clara por la formación especializada do persoal de enfermaría”.

“Participar activamente na formación dos futuros especialistas sanitarios convértenos a todos en mellores profesionais e contribúe a incrementar a calidade da asistencia que prestamos aos nosos pacientes”, dixo José Manuel González, que rematou a súa intervención felicitando aos especialistas que finalizaron a súa etapa formativa e destacando que cerca dun 60% deles permanecerán vinculados aos centros sanitarios do área integrada, con diversos tipos de contrato. O xerente tamén deu a benvida aos novos médicos, psicólogos, farmacéuticos e enfermeiras que inician a residencia.

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés conta con acreditacións docentes para formar matronas, enfermeiras de familia, especialistas en medicina familiar e en 20 especialidades hospitalarias: análises clínicas, anestesioloxía e reanimación, cirurxía xeral, cirurxía vascular, dermatoloxía, dixestivo, farmacia hospitalaria, hematoloxía, medicina interna, microbioloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, rehabilitación e traumatoloxía.

Actualmente, nos hospitais e centros de saúde de Pontevedra e Salnés estanse formando un total de 118 residentes, 41 en medicina familiar, 73 nas diversas especialidades hospitalarias e 4 matronas. Ademais de catro alumnos de quinto curso de Medicina que realizaron neste ano académico un intenso programa docente, con contidos teóricos e especialmente de práctica clínica, en diversos servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

No acto de hoxe, que contou coa intervención dos xefes de estudo de formación sanitaria especializada de Pontevedra e O Salnés, Cristóbal Galbán, José Manuel Vázquez Lima e Álvaro Rodríguez Pomares, entregáronse os certificados de especialistas aos 28 residentes, 23 mulleres e 5 homes, que remataron a súa formación. Deles, 11 especialistas en medicina familiar, 2 matronas e 15 especialistas hospitalarios.

Este ano, inician a súa formación un total de 35 novos residentes, 27 mulleres e 8 homes, que realizarán un período de residencia de entre dous e cinco anos, dependendo da especialidade, en hospitais e centros de saúde de Pontevedra e O Salnés. Dos novos residentes 9 especializaranse en medicina familiar, 18 farano como especialistas hospitalarios, 2 en enfermaría obstétrico-xinecolóxica (matronas) e 2 en enfermaría familiar.

O acto rematou cunha unha conferencia maxistral sobre “Oportunidades de investigación en nutrición clínica”, a cargo do doutor Sergio Ruiz Santana, catedrático de Medicina e xefe de servizo de Medicina Intensiva do hospital Dr. Negrín de Las Palmas de Gran Canaria.

21 de maio de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.