Alumnos de Enxeñería Agrícola da UVigo estudan en Areeiro distintos proxectos de edafoloxía e fitosanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Alumnos de Enxeñería Agrícola da Universidade de Vigo, campus Ourense, percorren hoxe as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro dentro dun programa de formación e prácticas da devandita carreira universitaria.

Os alumnos, ós que acompañaban varios profesores de distintas materias, coñeceron as instalacións e analizaron os distintos proxectos relacionados coa súa carreira que se levan a cabo na Estación da Deputación de Pontevedra.

Entre outros, foron informados dos traballos que se desenvolven en canto a etioloxía, epidemioloxía e control do fusarium circinatum; dos relativos á determinación das especies que xeran pragas e enfermedades agrícolas e forestais que se realiza en convenio coa Conselleria de Medio Rural; dos distintos proxectos sobre o kiwi e a elaboración de aceite e té de camelia; os de control do mildiu; asi como os que afectan ós patóxenos máis importantes de cuarentena.

A Estación de Areeiro é o único laboratorio con capacidade de diagnóstico de Galicia integrado no prestixioso “European and Mediterranean Plant Protection Organization” (EPPO) unha organización intergubernamental que se ocupa da cooperación europea en fitosanidade e da que só forman parte cinco  laboratorios da península ibérica, concretamente de Cataluña, Asturias, Salamanca, Valencia e Madrid.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro está tamén acreditada pola ENAC para a realización da identificación de armillaria en material vexetal; do mesmo xeito, posúe a certificación pola norma ISO 9001-2000 para a detección e identificación de fungos fitopatóxenos por técnicas moleculares pola Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR).

Este centro dependente da Deputación está dedicado á investigación práctica e ó diagnóstico en materia de fitopatoloxía forestal e agraria. Ó mesmo tempo, traballa na introdución e conservación de especies froiteiras e ornamentais e na área da análise edafolóxica (do chan), de cara á mellora da fertilización.

8 de maio de 2014 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.