Alumnos da Basque Culinary Center descobren os viños do D.O. Rías Baixas

Visita dos alumnos á D.O. Rías Baixas
Os 114 alumnos do Grao en Gastronomía e Artes Culinarias do Basque Culinary Center seguen coa súa visita á Denominación de Orixe Rías Baixas hoxe pola subzona do Salnés, onde profundarán un pouco máis na viticultura e enoloxía de Rías Baixas coas características propias desa subzona como é o minifundio. Mikel Zeberio, coordinador desta viaxe da Basque Culinary Center a Galicia, explica que “o que máis me impresiona destas viaxes é a calidade humana”. Calidade humana que se viu reforzada coa presenza de cociñeiros do Grupo Nove, encabezados por Pepe Solla, nun showcooking en Lagar de Pintos que contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas e o seu secretario, Juan Gil de Araujo e Ramón Huidobro, así como o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Mestre, e a responsable de Turismo Rías Baixas, Ruth González.
Un showcooking de produtos de alta calidade de diferentes denominacións e indicacións de orixe entre os que non faltou a gran variedade de queixos, conservas, carnes, empanada ou polbo, que lles permitiu familiarizarse coa gastronomía da nosa comunidade. Os viños da D.O. Rías Baixas foron os encargados de maridar a xornada gastronómica a través de diferentes marcas das distintas subzonas e adegas adscritas a D.O. Rías Baixas: “Estas viaxes son moi importantes porque na vangarda e a innovación está tamén o pasado” engade Mikel Zeberio.
Para estes alumnos de primeiro curso do Basque Culinary está a ser o seu primeiro achegamento aos viños brancos e o que máis lles chamou a atención é “o coidado que require a elaboración dun viño, non imaxinabamos que fose tan complicado, nin que o clima e o tipo de chan influísen tanto” contaban, sobre todo porque “son uns viños fáciles de beber”.
As adegas mostraron aos alumnos as grandes posibilidades destes viños brancos desde a viticultura, o viñedo e os sistemas de condución, até o proceso de elaboración e a cata. Os alumnos tiveron a oportunidade de participar en catas dirixidas, catar viños de diferentes anadas, así como de ver o viño en rama: “o mundo do viño engancha” afirman.











