A Volta a España 2014 desenvolverá dúas etapas na provincia de Pontevedra
A Volta a España 2014 desenvolverá dúas etapas en Pontevedra, provincia que a caravana ciclista percorrerá na súa grande parte. En concreto, o xoves 11 de setembro terá lugar a etapa 18 desde A Estrada a Monte Castrove (Meis); e o venres 12, a etapa 19 con saída desde a Fortaleza de Salvaterra de Miño e final en Cangas do Morrazo.
A nova foi confirmada hoxe polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o director xeral da Volta a España, Javier Guillén, no acto de entrega ó Concello de Vilanova de Arousa dun cadro do inicio da Volta 2013 desde unha batea ubicada no peirao da localidade.
A etapa do 11 de setembro partirá da Estrada e pasará por Cuntis, Pontecesures, Catoira, Vilanova, Monte Lobeira, Cambados, Ponte Arnelas (probablemente), Ribadumia, Meaño, Dena, Vilalonga, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Poio, Pontevedra (cidade pola que pasará dúas veces), de novo Poio e Combarro para chegar á meta situada no alto do Monte Castrove, no campo de golf de Meis.
Ó día seguinte, o 12 de setembro, os ciclistas sairán desde a Fortaleza de Salvaterra de Miño, pasarán por Ponteareas, O Porriño, Tui, Tomiño, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña, subirán ó campo de golf de Domaio e rematarán en Cangas do Morrazo.
Tanto Louzán como Guillén destacaron que, probablemente, o percorrido determinará os resultados deportivos finais da Volta tendo en conta a dificultade das subidas ó Monte Lobeira, ó Monte Castrove e ó campo de golf de Domaio.
“As Rías Baixas terán de novo un alto protagonismo e un notable espazo de promoción e proxección mediática na Volta a España”, dixo Louzán. Pola súa banda, Guillén destacou que a Volta estará unha semana completa en Galicia e que o final da carreira será na Praza do Obradoiro, en Santiago, como broche de ouro á conmemoración da peregrinación de San Francisco a Santiago.
No acto de entrega de material gráfico ó Concello de Vilanova de Arousa, Guillén afirmou que a saída do ano pasado desde unha batea foi “o día de máis éxito da carreira, un día difícil de superar e inolvidable para A Volta pois contou cos tres requisitos básicos que o aseguran: ciclistas, un escenario extraordinario e 40.000 asistentes”.
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, agradeceu a colaboración da Deputación e o agasallo da Volta, e afirmou que “a saída foi un fito para Vilanova, algo irrepetible pois un pobo de 10.000 habitantes pasou a albergar a 40.000 persoas”. Lembrou tamén o orgullo mostrado por emigrantes vilanovenses en Alemaña ó ver as imaxes de Vilanova e as Rías Baixas na televisión.











