100 alumnos do Basque Culinary Center descobren a gastronomía e a cultura culinaria das Rías Baixas
100 alumnos e 10 profesores do primeiro curso do Basque Culinary Center visitan desde hoxe e ata o vindeiro xoves a provincia de Pontevedra para afondar no coñecemento da gastronomía e a cultura culinaria das Rías Baixas.
No marco desta actividade, foron recibidos esta mañá no Pazo provincial pola deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo, que agradeceu a visita e animou ós “futuros cociñeiros” a ter moi presentes os produtos desta provincia no seu labor profesional.
Pontevedra é xa un destino tradicional no programa de actividades do Basque Culinary Center (a primeira e única Facultade de Ciencias Gastronómicas de España), que organiza estas viaxes de aprendizaxe como unha forma de completar a formación do seu alumnado.
Aínda que os alumnos xa tiveron contacto cos produtos galegos nas clases teóricas e nas prácticas que realizan na facultade, esta visita proponse como unha ocasión excepcional para coñecer directamente non só os produtos das Rías Baixas senón todo o proceso de produción e elaboración.
Así, durante a xornada de hoxe visitarán unha batea da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, xantarán no Centro Vacacional da Lanzada e pola tarde achegaranse ata o Instituto Galego de Formación de Acuicultura.
A visita continuará mañá mércores cun percorrido por varias adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas de Arousa e O Condado-A Paradanta; e pecharán a súa estadía en Pontevedra o xoves, día no que continuarán con visitas a adegas, así como á lonxa de Cambados e a unha cetárea. Despediranse cun showcooking na adega Lagar de Pintos.
Durante a recepción no Pazo provincial, tanto a deputada Ana Isabel Vázquez coma os profesores do centro sexeriron ós alumnos sacar o máximo proveito desta estadía, coñecendo as peculiaridades dos produtos gastronómicos das Rías Baixas da man de persoas que cada día traballan con eles, desde a produción ata a mesa.
Neste sentido, Ana Isabel Vázquez animounos a que, unha vez coñezan ben a riqueza gastronómica de Galicia e das Rías Baixas, exerzan de embaixadores e contribúan á súa promoción.











