O trazado duhna liña de alta tensión mobiliza a centenares de persoas en Arbo
Centenares de persoas esixiron este domingo en Arbo un cambio de trazado da liña de alta tensión prevista entre Fontefría e Portugal que afectará a zonas poboadas das parroquias de Sela e de Barcela, situadas neste municipio.
Segundo explicou a presidenta dos afectados, Celeste Pedrosa, os veciños queren “que esta liña non pase por enriba das casas deixando ao seu paso enfermidades” e “reclaman que o trazado se faga por outros puntos” distintos a este espazo do Baixo Miño.
Á concentración acudiu a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, así como a eurodeputada do Bloco de Esquerda portugués Marisa Matías, os que trasladaron o apoio das súas respectivas formacións ás demandas dos veciños.
Ambas as dúas dirixentes presentaron unha iniciativa conxunta na Cámara europea para “intentar modificar este trazado” que pretende construír Rede Eléctrica Española e que afectará “gravemente a un espazo incluído” na Rede Natura”.
A manifestación partiu da rotonda de San Benito de Arbo cara á ponte internacional, onde se reuniron cos seus veciños portugueses que marcharon dende Melgaço cara a Galicia.