O relato dos cinco superviventes do naufraxio na ría de Vigo confirma que “todo foi moi rápido”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

Os cinco superviventes do ‘Mar de Marín’, catro tripulantes desta localidade pontevedresa e un biólogo natural de Ferrol, conseguiron subirse a unha balsa salvavidas tras producirse, de madrugada, o impacto co mercante ‘Baltic Breeze’ que ocasionou o afundimento do barco en poucos minutos, á entrada da ría de Vigo.

Así o explicou, en declaracións aos medios de comunicación, o armador do barco, Francisco Freire, de Pesqueira Loira, quen destacou que estas cinco persoas, catro mariñeiros e un biólogo que ía a bordo como observador, xa se atopan nos seus domicilios.

Durante o traslado ás súas casas, sobre as 5,00 horas, os superviventes, “abatidos e moi asustados”, relataron que “todo foi moi rápido”. “Moi pouco despois de que se producise o impacto, o buque naufragou”, segundo trasladou o armador. Mentres eles cinco lograron subirse a unha balsa, os outros cinco perdéronse” caer á auga, indicaron.

A tripulación era “moi experimentada”, segundo resaltou o armador. En concreto, o patrón, Francisco Javier Pazo, un dos superviventes, leva “entre sete e oito anos” traballando con eles.

Preguntado por se o sinistro, que se rexistrou sobre as 3,00 horas deste martes, puido deberse a unha mala manobra do pesqueiro, o armador apuntou que non o cre.

AO SUR DE CÍES

Pola súa banda, o xerente da Asociación de Armadores de Buques de Pesca de Marín, Juan Carlos Martín Fragueiro, sinalou que o suceso tivo lugar á altura da illa sur de Cíes, despois de que o pesqueiro descargase as súas capturas en porto e partise cara ao seu caladero habitual.

Os tres cadáveres que polo momento foron recuperados, de dous mariñeiros galegos e un marroquí, foron levados a porto e recoñecido. Agora realízaselles a autopsia e as familias están á espera de que se realicen os trámites xudiciais para que se lles poidan entregar.

Martín Fragueiro agradeceu que todas as administracións se haxan solidarizado coa armadora, entre as que se referiu á Xunta de Galicia e concellos.

Sobre o pesqueiro, asegurou que estaba dotado de todos os medios esixidos pola normativa para a seguridade marítima e, en concreto, detallou que levaba acendido o ‘AIS’, un dispositivo para coñecer a situación exacta do barco. Tamén indicou que os buques levan unha caixa azul coa que se pode controlar o percorrido realizado dende que saíu do porto.

Ademais, resaltou que o barco estaba “en perfecto estado” e que no momento do choque non estaba a realizar manobras de pesca senón de navegación.

1 de abril de 2014 | 15:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.