O Museo de Pontevedra trasladará aos visitantes a través dun percorrido en tren pola cidade
Unha viaxe en tren pola cidade de Pontevedra e un percorrido interior no Sexto Edificio do Museo, son dúas das actividades que a Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha como complemento á mostra Historia do tren de xoguete español, que se abrirá ó público o vindeiro venres, 11 de abril, e coa que se conmemora a chegada do tren a Pontevedra fai 130.
Con tal motivo, ademais das pezas da Colección Quiroga-Monte que grandes e maiores poderán contemplar no Edificio Sarmiento ata o 18 de maio, os amantes do ferrocarril poderán gozar cun percorrido en tren por diversas zonas de Pontevedra vinculadas ás orixes do ferrocarril na cidade.
Así, un tren turístico que recorda ós utilizados no século XIX levará os interesados nun percorrido polas áreas polas que pasaba a antiga vía e a antiga estación de tren, no que poderán ver restos de antigas infraestruturas ferroviarias que aínda se conservan, como os piares da ponte da vía sobre o Lérez.
Ó longo do traxecto, os viaxeiros poderán coñecer tamén a historia da creación dos tramos Redondela–Pontevedra (1884) e Carril-Pontevedra (1899),
O tren, con capacidade para 20-30 persoas, fará unha ruta circular con saída da rúa peonil do Sexto Edificio, para continuar por Padre Amoedo, Avenida de Buenos Aires, Avenida de Uruguai, Avenida das Corbaceiras, rúa de San Roque, Reina Victoria, Augusto García Sánchez, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Reina Victoria, Víctor Saiz Armesto, Almirante Matos, Cruceiro, A Barca, Avenida de Uruguai, Avenida de Buenos Aires, Valentín García Escudero, rúa Sierra, César Boente, Mugartegui, Gregorio Fernández, Sarmiento, Padre Amoedo e Sexto Edificio.
As rutas realizaranse os días 11 e 12 de abril e o 16 de maio.
En tren no Museo
A esta actividade súmase un pequeno tren que levará os máis pequenos nun percorrido pola área de cristal do Sexto Edificio.
Será o domingo día 13, de 11:00 a 14:00 h, e os sábados 19 e 26 de abril e 3 e 10 de maio, de 11:00 a 13:00 h e de 18:00 a 20:00 h, así coma o venres 16 de maio, de 17:00 a 21:00 h.
As dúas actividades serán de balde e sen necesidade de inscrición previa.











