O matrimonio de Pontedeume acusado da morte dun menor que entrou na súa vivenda pide “perdón” á familia
José Agustín F.C. e María del Carmen F.G, o matrimonio de Pontedeume (A Coruña) acusado da morte de Fernando Sánchez Grandal pediu “perdón” á familia do mozo de 17 anos que entrou na súa vivenda, o 10 de xullo de 2011, con fins que se descoñecen, e que faleceu por unha lesión mortal causada por un coitelo.
Na última sesión do xuízo celebrado na Audiencia da Coruña, e despois de que a Fiscalía, os letrados das acusacións e a defensa procedesen á lectura das conclusións ante o xurado –que agora deberá emitir o seu veredicto–, José Agustín, de 68 anos, tomou a palabra para pronunciar un “síntoo” ata en dúas ocasións.
Pola súa banda, a súa muller, de 67 anos, pediu “perdón” aos achegados do menor. “Síntoo moito, foi unha desgracia moi grande”, manifestou María del Carmen F.G., para a que as acusacións particulares –en representación dos pais e irmás do menor– solicitan, ao igual que para o seu marido, 20 anos de prisión por asasinato ou, subsidiariamente, entre 10 e 12 anos por homicidio.
Pola contra, nas súas conclusións, a Fiscalía, que cualificou de “verosímil” o relato dos feitos dos procesados, ratificou a súa petición de absolución para o matrimonio. Como a defensa, entende que os feitos son constitutivos dun delito de homicidio, pero que deben aplicarse as eximentes de “lexítima defensa” e “medo insuperable”.