O Centro Príncipe Felipe conta con acreditación para impartir 3 certificados de profesionalidade deportiva
O Centro Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra, foi acreditado pola Consellería de Traballo e Benestar como centro homologado para impartir os certificados de profesionalidade de Animación físico-deportiva e recreativa, Animación físico-deportiva e recreativa para persoas con discapacidade e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
Convértese así no único centro da provincia incluído no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego para a acreditación da especialidade de animación físico-deportiva e recreativa e no único centro de todo Galicia acreditado para impartir o certificado de profesionalidade desta especialidade orientada ás persoas con discapacidade.
As modalidades de animación físico deportiva e recreativa e de dinamización de actividades de tempo libre que se impartirán no Centro Príncipe Felipe pretenden favorecer a calidade do sector, mediante a mellora da cualificación de cada traballador, e constitúen unha cualificación profesional recoñecida en todo o territorio español.
Estes certificados de profesionalidade capacitan os alumnos para elaborar, xestionar e desenvolver proxectos de animación relacionados coa actividade física e o deporte, así como para a organización de eventos e actividades de tempo libre adaptados ás necesidades e características tanto dos colectivos ós que van destinados como ás propias dos espazos nos que se desenvolvan.











