O Centro de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías iníciase con actividades de capacitación tecnolóxica
O Centro de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0) que impulsa a Deputación de Pontevedra porá en marcha, a partir da vindeira semana, un amplo programa de actividades formativas tanto na súa sede central, inaugurada esta mañá, coma nas oficinas de Lalín, Cambados, Ponteareas, O Porriño e Vigo.
Os autónomos e microempresas da provincia terán así á súa disposición cursos de formación práctica en materias coma o uso dos certificados dixitais e do DNI electrónico, o marketing en liña, a mellora da reputación en liña, a xestión informática de compras e vendas, a seguridade informática e, incluso, información sobre subvencións e axudas para a implantación das Novas Tecnoloxías nas empresas.
As clases terán un contido eminentemente práctico e, para un mellor aproveitamento, impartiranse en grupos reducidos de entre 10 e 12 persoas.
Así o puxo de manifesto esta mañá o responsable de Novas Tecnoloxías da Deputación, Amancio Varela, no acto de presentación da oficina de Pontevedra –situada no Edificio Administrativo da Deputación–, no que tamén participou a deputada Ana Isabel Vázquez.
12.800 empresas no Morrazo e Pontevedra
Trátase da quinta oficina que se pon en marcha como parte dunha rede de seis centros, que dará servizo ós máis de 64.000 autónomos e microempresas existentes na provincia e que se completará coa próxima apertura do punto de asesoramento de Vigo.
A oficina inaugurada esta mañá exercerá, por unha banda, como punto de información e asesoramento para os 12.800 autónomos e microempresas das comarcas do Morrazo e Pontevedra e, pola outra, servirá de centro de coordinación e creación de contidos para as demais oficinas.
Esta oficina central contará con cinco técnicos que non só responderán ás consultas que se lles formulen senón que serán proactivos, organizando diferentes actividades formativas e de asesoramento e impulsando unha plataforma de comercio virtual.
A deputada Ana Isabel Vázquez animou os destinatarios deste servizo a facer uso del, pois, segundo indicou, permitirá mellorar a súa competitividade.
A oficina estará aberta nun horario amplo para adaptarse ó máximo posible ás necesidades dos empresarios, e as consultas poderán facerse tanto de forma presencial coma por teléfono ou a través da rede (correo electrónico, dispositivos móbiles…).
Os empresarios poderán atopar orientación sobre cómo aforrar nas comunicacións da empresa; xestionar un negocio en liña; controlar o stock da empresa desde un dispositivo móbil; poñer en marcha plataformas de comercialización a través da rede; ou qué ferramentas de xestión poden ser da súa utilidade.
Éxito das oficinas en marcha
Ana Isabel Vázquez amosouse confiada en que esta ferramenta permita avanzar na incorporación das Novas Tecnoloxías entre as pequenas empresas, que son as que maiores dificultades teñen para acceder a elas.
O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 ofreceralles unha diagnose do grao de desenvolvemento tecnolóxico da súa empresa e, se así o desexa o empresario, un plan personalizado para mellorar e implantar ferramentas e procedementos que redunden nunha maior rendibilidade e competitividade.
A experiencia das tres primeiras oficinas postas en marcha –Lalín, Ponteareas e O Porriño– permite, segundo indicou Ana Isabel Vázquez, ser optimistas en relación ó éxito deste servizo, pois en menos de 15 días de funcionamento foron xa 125 as empresas que solicitaron asesoramento personalizado.
Os empresarios interesados en beneficiarse deste servizo poden contactar co CPAE chamando ó número de teléfono 886 202 020, visitando a web www.cpae20.depo.es ou ben achegándose á oficina máis próxima.











