O 95% do alumnado de cuarto de infantil de Pontevedra obterá praza no centro educativo escollido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que máis do 95% do alumnado de Cuarto de Infantil – 3 anos – da cidade de Pontevedra obterá praza no centro educativo escollido como primeira opción para o vindeiro curso.

Este ano recibíronse en Pontevedra cidade un total de 111 solicitudes menos para ese curso. A oferta de prazas deste curso de infantil que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición das familias pontevedresas, un total de 1.000, supera en 212 as 788 solicitudes recibidas.

O delegado territorial insistiu no feito da caída da natalidade nos últimos anos en Galicia, “o que está está a redundar nunha menor entrada de rapaces no sistema educativo cada ano, o que se reflicte nos datos de este mesmo ano”.

A nivel autonómico, desde 2008 o número de nados foi diminuíndo: desde os 23.175 dese 2008 ata os 21.594 do 2011 – que son os nenos que este ano empezan o colexio en 4º de infantil-.

En relación ao tanto por cento de nenos de 3 anos que obteñen praza no centro solicitado na primeira opción, mentres a nivel galego rolda para o próximo curso o 94,4 % do alumnado, na capital da provincia este tanto por cento ascende lixeiramente ata o 95%.

Deste xeito, segundo matizou Cores Tourís, en total, solicitaron praza en 4º de educación infantil nos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos de Pontevedra para o vindeiro ano académico 2014/2015 un total de 788 nenos de 3 anos, “contando con que oferta realizada Consellería de Educación para este nivel na cidade do Lérez é de 1.000 prazas. Este dato ven a subraiar que, na actualidade, quedan 212 prazas vacantes”.

Dentro do mencionado colectivo de alumnos de 3 anos, tan só un 5 % non acadou unha praza no centro de primeira escolla. Para esta pequena porcentaxe, as prazas serán asignadas pola comisión de escolarización de cada zona, atendendo aos seguintes centros da súa preferencia. En concreto, na cidade do Lérez terán que baremar cinco centros públicos e tres concertados.

Os centros educativos que obtiveron maior demanda na cidade do Lérez foron, por este orde, o EEI Crespo Rivas, o CEIP Vilaverde Mourente e o Álvarez Limeses. En relación aos centros concertados, só 3 dos 5 existentes na cidade do Lérez terán que baremar.

Segundo se desprende dos datos aportados pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación, “un 60% dos rapaces que optan ao centro educativo Crespo Rivas procede de outras zonas da cidade de Pontevedra ou de concellos limítrofes, ao demandar este colexio por atoparse en zona de influencia laboral dos proxenitores”, explicou César Pérez Ares, xefe territorial deste departamento.

7 de abril de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.