Neira Vilas e o cantautor Manoele de Felisa participan no ciclo “En Paralelo. Noites de Literatura e Cine”
O escritor Xosé Neira Vilas participará mañá no ciclo “En Paralelo. Noites de literatura e cine”, acompañando o cantautor Manoele de Felisa.
O acto, que terá lugar ás 20:00 h no salón de actos do Sexto Edificio do Museo, permitiralle ós asistentes obter unha dobre visión da composición de letras musicais: por unha banda, a do músico que adapta textos literarios e, pola outra, a do autor que escoita as súas obras musicalizadas.
Baixo o título “Musicalización poética”, esta conferencia a dúas voces terá tamén a novidade de intercalar as explicacións de un e outro autor coa interpretación das pezas musicais por parte de Manoele de Felisa, que basea o seu último disco, Cantos de Lembranza, na obra de Neira Vilas.











