Increméntase en 220.000 euros a achega destinada ao servizo de axuda no fogar da Deputación
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acordou esta mañá incrementar en 220.000 euros a contía que a Administración provincial destina ó financiamento dos servizos sociais comunitarios nos concellos de menos de 20.000 habitantes, que acada así a contía total de 2,5 millóns de euros.
Con esta achega preténdese dar resposta á demanda que os concellos teñen en materia de axuda no fogar e evitar que persoas que precisan deste servizo e reúnen os requisitos queden desatendidas.
A decisión adoptouse despois de coñecer as necesidades de cada un dos concellos que se acolleron a estas achegas e que permitiu determinar que a demanda de axuda no fogar nalgúns concellos requiría dun incremento na partida inicialmente disposta para este servizo.
Os concellos beneficiarios poderán ser O Covelo, Catoira, As Neves, Moraña, Cuntis, Ponte Caldelas, Vilaboa, Valga, Soutomaior, Salceda de Caselas, Silleda, Salvaterra de Miño, Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, Poio, Tui, Sanxenxo, Nigrán e Moaña.











