III edición do Curso de Actualidade Xurídica de Réxime Local
A Deputación de Pontevedra e o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) de Pontevedra veñen de asinar un convenio de colaboración para a realización de actividades formativas orientadas ao persoal que desenvolve o seu labor nos concellos e deputacións.
O obxectivo é impulsar a actualización e ampliación de coñecementos, de forma que se garanta a mellor atención ao cidadán e unha xestión pública máis eficaz. Con esta finalidade, e tal e como indicaron no acto de sinatura do convenio a deputada provincial Begoña Estévez e o presidente da entidade, José Carlos Castiñeira Piñeiro, porase en marcha a tercera edición do Curso de Actualidade Xurídica de Réxime Local, que nesta ocasión se centrará nas últimas modificacións normativas que afectan ás administracións locais, como a lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local ou a lei de transparencia.
Relatores de prestixio
Begoña Estévez e José Carlos Castiñeira subliñaron o éxito das dúas anteriores edicións do curso e a alta demanda que teñen estas actividades, xa que ata o de agora son xa 180 os que presentaron solicitude.
Isto levou á Deputación e a Cosital a ampliar as prazas, das 120 previstas inicialmente ás 140 actuais.
Así mesmo, é de destacar o interese e a alta calidade destas accións formativas, tanto polos contidos que se abordan como polos relatores que participan, entre os que figuran Gabriel Hurtado López, subdirector xeral de Estudos e Financiamento das Entidades Locais do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; Oscar Romera Jiménez, asesor do secretario de Estado de Administracións Públicas; ou Manuel José Domingo Zaballos, Maxistrado do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Castela-A Mancha e secretario de administración local en excedencia, que tamén foi técnico de urbanística do Instituto Nacional de Administracións Públicas (INAP).
Datas e programa
Os cursos, que terán unha duración de 25 horas, desenvolveranse do 28 de abril ó 27 de maio no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra.
Serán, todos os luns de 16:30 horas a 20:00 horas e dous martes: o 29 de abril, cando se abordará a estabilidade orzamentaria e os controis da actividade económico-financeira a cargo de Gabriel Hurtado López; e o 27 de maio, xornada de clausura, na que se abordará a transparencia nas Entidades locais e tamén terá lugar a proba de avaliación.
A conferencia inaugural terá lugar ás 17:00 horas do luns 28 de abril e correrá a cargo da xefa do departamento de Licenzas e Disciplina do Concello de A Coruña María Hernández García.
Tamén se abordarán outras cuestións como o réxime de endebedamento, control da débeda comercial e plans económico-financeiros das entidades locais, a cargo de José Joaquín Serrano Ortega, subdirector xeral de Relacións financeiras coas entidade locais do Ministerio de Facenda; os motivos e principais liñas da lei de racionalización e sostenibilidade da Administración local, do que se responsabilizará Óscar Romera Jiménez; o emprego público local despois da reforma da administración, cun relatorio que será pronunciado por Manuel José Domingo Zaballos; ou o novo sistema de competencias locais e a xestión dos servizos públicos, cunha especial referencia ao papel das deputacións e á delegación de competencias, do que se encargará Valentín Merino Estrada, secretario xeral do concello de Valladolid e autor de numerosas publicacións sobre a administración local.
Os participantes nestes cursos son funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional, empregados públicos e persoal directivo da Deputación e funcionarios pertencentes aos corpos ou escalas dos grupos A1 e A2, así como persoal laboral de categoría equivalente e que desenvolve o seu labor en concellos ou deputacións.
Malia que boa parte dos inscritos son persoal da administración local da provincia de Pontevedra, hai 40 participantes que proveñen doutras provincias.
Curso de contabilidade
O convenio asinado hoxe inclúe, ademais, a organización dun novo curso orientado aos traballadores da administración local e centrado no manexo da contabilidade.
Trátase neste caso dun curso de actualización co que se pretende achegar as novas normas da contabilidade local, co obxectivo de facilitarlle aos interesados información sobre as modificacións neste campo. Esta actividade formativa está prevista para o mes de setembro.











