FECIMO prepara os premios adicados ás “Mamás Superstar”

Photocall da campaña Mama Superstar de Fecimo
As empresas do Morrazo asociadas a FECIMO continúan coa campaña en curso “Primavera en Familia” e agora tócalle o turno ás nais do Morrazo. Baixo o lema de “Mamá Superstar” repartiranse varios premios para disfrutar nas empresas da comarca.
Campaña nos establecementos comerciais
Un total de 131 comercios de Bueu, Cangas e Moaña, están adheridos á iniciativa “Mamá Superstar” repartindo boletos de participación coas compras que os clientes realizan. Basta con cubrir os campos requeridos de: nome, apelidos e teléfono de contacto, e depositar o boleto en calquera das furnas que atoparán nos mostradores dos establecementos.
O día 6 de maio celebrarase nas oficinas de FECIMO un sorteo aleatorio con todos os boletos. O premio consistirá en: “Un servizo de perruquería e estética para mamá e unha sesión de fotos en familia”, premio valorado en 250 euros que poderá ser canxeado nas empresas que elixa o/a premiado/a dentro das asociadas a FECIMO.
Concurso fotográfico en Facebook
As nais tamén están a ser protagonistas nas redes sociais. A semana pasada FECIMO saíu á rúa cun divertido “photocall” para fotografiar a todas as “Mamás Superstar” que se animasen a posar para a cámara, así como calquera que quixese lanzar unha mensaxe á súa nai con simpáticos bocadillos de cómic. Participaban así nun concurso onde poden gañar 50€ en cheques compra.
Esta promoción a pé de rúa foi todo un éxito e as fotografías tomadas poden verse xa na páxina de facebook “ViveOMorrazo” – www.facebook.com/ViveOMorrazo -. A fotografía que obteña máis votos dos usuarios – facendo click en “me gusta”- ata o 6 de maio ás 21:00h será a gañadora.
Existen tres albumes de fotos, cos participantes de Bueu, os de Cangas e os de Moaña. Repartiranse tres premios: un cheque compra de 50€ á foto máis votada de cada localidade. O premio poderá canxearse en calquer establecemento asociado á federación.
Estes álbumes de fotos recibiron ata agora preto de 39.000 visitas, das que 7.500 fixeron algunha interacción como votar as fotos ou compartilas. Algunha “Mamá Superstar” recibiu xa máis de 350 votos, e non é a única. Haberá que agardar ata o 6 de maio para coñecer aos gañadores.











