Adxudícanse as Pousadas do Salnés a Arlea Hotels S.L. do Grupo Hotusa, líder mundial de consorcios hoteleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O pleno da Deputación adxudicou esta mañá a xestión das Pousadas do Salnés a Arlea Hotels S.L. do Grupo Hotusa, que é o líder mundial de consorcios hoteleiros, con presenza en máis de 50 países do mundo.

A adxudicación aprobouse cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE, despois dun procedemento negociado no que participaron as empresas Grupo Mas Costas, Millán Servicios Turísticos, STC Serveis Turistics, Rafael Hoteles e a citada Arlea Hotels S.L.

O procedemento negociado púxose en marcha despois de que, en febreiro deste ano, se declarase deserto o concurso convocado por acordo do pleno de novembro de 2013. O concurso quedou deserto ao non presentarse ningunha empresa que acreditase a solvencia esixida para facerse cargo desta xestión e, en consecuencia, a corporación provincial acordou iniciar o citado procedemento negociado.

130 hoteis

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que resulta difícil “atopar un mellor xestor para este gran proxecto” se se ten en conta a forza do Grupo Hotusa, que xestiona directamente 130 hoteis con 4.000 empregados e inclúe unha cadea tan potente como Eurostars Hotels (con máis de 70 hoteis en diferentes países do mundo).

Entre eles destacan en Galicia o Hotel Araguaney ou o San Lázaro en Santiago; o Hotel Monumento Mosteiro de San Clodio e o Hotel Auriense, na provincia de Ourense; o Ciudad de La Coruña en Coruña e desde o un de marzo o Mar de Vigo, na cidade olívica.

En España é o propietario de hoteis de Gran Luxo como o Eurostars Grand Marina Hotel, considerado o mellor hotel de España, en Barcelona; o Eurostars BCN Design en pleno Paseo de Gracia tamén en Barcelona, o Eurostars Madrid Tower, en Madrid; aos que hai que sumar algúns dos principais hoteis das grandes cidades europeas (o Montgomery de Bruxelas; o International Palace, en Roma…) e tamén en países como Arxentina, Brasil, Cuba, Portugal ou Estados Unidos.

Rafael Louzán incidiu en que a oferta presentada por Arlea Hotels non “só ten a calidade e a solvencia necesarias para consolidar o proxecto das Pousadas, senón que reúne os requisitos necesarios para garantir a maior difusión e proxección do proxecto a nivel mundial”.

Neste sentido, cómpre destacar que un dos compromisos da empresa é comercializar este proxecto a través das principais centrais de reservas turísticas a nivel mundial, como son Amadeus (que conta con 83.700 axencias de viaxes), Galileo (49.000 axencias), Sabre (50.000 axencias) e Worldspan (20.000 axencias).

Isto vai ser posible porque o grupo Hotusa conta cunha central de reservas, Hotusa Hotels, que traballa con estas plataformas. Conta con máis de 2.600 hoteis asociados en todo o mundo, cun total de 235.000 habitacións, as que agora se sumarán as Pousadas de O Salnés.

Concesión por 12 anos

No que respecta ós datos concretos da adxudicación, a concesión será por un prazo de 12 anos e a empresa comprométese a abrir os catro establecementos durante un mínimo de nove meses anuais (case dous meses máis dos que se esixían nos pregos técnicos).

A Deputación recibirá, en concepto de canon, o 11% dos beneficios que a empresa obteña da xestión das Pousadas, que abrirán como establecementos de 4 estrelas e baixo unha dirección única.

As catro Pousadas están xa completamente rematadas e só quedan pendentes pequenos detalles de acondicionamento do entorno dun dos centros, así como o amoblamento, no que a Administración provincial investirá 1,4 millóns de euros.

A adquisición do mobiliario sairá a concurso público e deberá ser publicado no Boletín da Unión Europea. Unha vez adxudicado e instalado, a empresa comprométese á apertura dos centros nun prazo máximo de 2 meses.

De dirección galega

Rafael Louzán lembrou, ademais, que o grupo ao que pertence a empresa adxudicataria das Pousadas está dirixido polo chantadino Amancio López Seijas que é, ademais, presidente de Exceltur, a maior organización de España de grandes empresas turísticas, o que supón unha grande vantaxe para posicionar no mercado as Pousadas do Salnés.

30 de abril de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.