A plataforma da PO-531 reúnense con Cores Tourís para analizar a situación do proxecto de mellora

Cores Tourís na reunión coa plataforma PO-531
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión cos membros da Plataforma da PO-531 dando así resposta a súa demanda de coñecer o estado no que se atopa o proxecto de reforma desta estrada.
Na reunión estiveron presentes varios representantes da plataforma veciñal, así como o seu presidente, Manuel Corredoira, e o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, José Luis Díez.
Os veciños trasladaron ao delegado territorial a súa preocupación pola falta de novas en relación a execución do proxecto de ampliación e mellora desta estrada que enlaza Pontevedra con Vilagarcía.
Segundo lles trasladou Cores Tourís, nestes intres, o proxecto xa foi redactado na súa totalidade pero a execución das obras terá que esperar a que mellore a situación económica actual. “Expliqueilles que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a priorizar o reforzo dos firmes e o asfaltado das estradas para garantir a seguridade viaria, por encima de obras de gran envergadura que terán que esperar a que mellore a actual conxuntura económica”, explicou Cores Tourís.
Recordou o delegado territorial que precisamente o pasado venres, día 28, aprobouse a licitación da obra de mellora do firme desta estrada. “Estas obras englóbanse dentro dun montante total de 1,5 millóns de euros destinados a para mellorar o firme de 11 estradas na provincia de Pontevedra o que beneficiará a 19 concellos e a máis de 350.000 veciños, entre os que se atopan os de Curro, Campañó e A Devesa”, matizou José Manuel Cores Tourís. “Con este tipo de actuacións buscamos prolongar a vida útil do firme destas estradas rehabilitándoas tanto estrutural como superficialmente”.
O delegado territorial insistiu en que este tipo de actuacións “supoñen un bo exemplo do labor no que está a centrado o actual Goberno en materia de estradas: mellorar as infraestruturas e o conxunto de variables que poidan incidir na redución da sinestralidade, tal e como consta no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2011-2015”.
A actuación prevista na PO-531 implicará o fresado de firme de case 71,18 quilómetros cadrados e a aplicación de mestura bituminosa quente ou formigón bituminoso. Tamén se levará a cabo a reposición das marcas viais e da sinalización vertical. O prazo de execución que se recolle no prego de contratación é de 6 meses para cada proxecto. “Esta obra licitouse por case 600.000 euros beneficiando non só aos veciños de Alba e Curro, senón tamén aos de Vilagarcía, Caldas, Meis, Poio e Pontevedra que circulan por esta estrada diariamente”, engadiu o delegado territorial.
Os membros da plataforma aseguraron ante José Manuel Cores Tourís que entendían a actual situación pero engadiron que, a lo menos, se acometesen algunhas pequenas actuacións de mellora da seguridade viaria nas zonas de Campañó, Curro e A Devesa. Estas melloras serán recollidas polos veciños en papel e trasladadas á Consellería de Medio Ambiente en Santiago de cara ao seu estudo por parte dos técnicos autonómicos.











