A Illa de San Simón inaugura a cuarta edición de ‘#NEThinking’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu hoxe na illa de San Simón a cuarta edición do foro #NEThinking coa intervención presencial de quince expertos en redes sociais e a posibilidade de participación virtual ilimitada a través de streaming e Twitter.
Durante dous días, o singular enclave xeográfico da enseada da Ría de Vigo acollerá os debates que versarán sobre os principais retos da transformación que está impoñendo Internet na creación, distribución e xestión de contidos informativos e culturais, así como os modelos de negocio, os desafíos da educación vinculada aos novos soportes ou novas tendencias no eido multimedia.
Organizado a través da Secretaría Xeral de Cultura, #NEThinking é un encontro de singular formato, que permite a reflexión aberta a través da convivencia na rebautizada Illa do Pensamento, con sesións de participación libre, plenamente consolidado xa na súa traxectoria como unha cita obrigada na rede. Así o cualifican os propios membros da comunidade #NEThinking, a maioría dos cales participan desde a primeira edición neste proxecto que vai sumando cada vez máis adeptos, e entre os que este ano figuran o publicista Risto Mejide, o presidente da Fundeu, Joaquín Müller; e otras figuras moi activas nas redes sociais como Mario Tascón, Raquel Martos, Julián Hernández, ou Eduardo Arcos.
Marco de reflexión
En representación da Consellería de Cultura e Educación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, recibiu hoxe os participantes da actual edición, lembrando as palabras do conselleiro Xesús Vázquez Abad na pasada presentación do encontro aos medios, no sentido de que o obxectivo de #NEThinking é crear un marco de reflexión sobre os desafíos que as novas tecnoloxías supoñen para conceptos tradicionais relacionados coa cultura e como enfrontar os novos esquemas, estruturas, linguaxes e métodos.
Sutil destacou así mesmo a implicación dos participantes neste foro e saudou especialmente ás novas incorporacións nesta edición: o coñecido publicista e activo ‘blogger’ Risto Mejide; e os profesores Miguel (alias ‘Hematocrítico’) toda unha referencia nas redes sociais; ou Joaquín Rodríguez, fundador de futurosdellibro.com.
Lembrou tamén que os interesados en #NEThinking poderán seguir as sesións desde calquera punto do mundo a través de streaming, o que fará que as súas achegas multipliquen o seu eco. Expresou tamén o seu desexo de que os participantes gocen durante estes dous días tanto da Illa de San Simón como das sesións de traballo programadas en #NEThinking, que nesta cuarta edición se consolida como unha das grandes apostas divulgativas da Xunta de Galicia.
Conclusións en cultura dixital
Nesta primeira xornada desenvólvense temas de vital transcendencia no eido dixital, como os recentes soportes de comunicación e as novas tendencias nos medios ‘online’, nos que queda por resolver o modelo de negocio e a innovación na presentación dos contidos. Tamén se aborda a cuestión da propiedade intelectual, analizando os aspectos vinculados á nova lei, así como as repercusións en creadores e usuarios en todo o que atinxe aos dereitos de autor.
Mañá sábado os participantes reflexionarán sobre a creatividade e os contidos, o uso das redes sociais e a adaptación aos distintos formatos, así como a educación dixital, no que se refire ás novas ferramentas de aprendizaxe xurdidas na rede e como educar aos nosos fillos no contorno virtual.
O emprendemento tamén será un eixo central do debate, co estudo dos novos negocios e profesións. Tras as sesións pecharase un documento de conclusións que, ao igual que en edicións anteriores, converterase nunha ferramenta para avanzar na busca de respostas aos retos máis importantes que impón a cultura dixital.











