A Deputación destina 650.000 euros ás confrarías de Pontevedra para recuperar a súa capacidade produtiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra destina preto de 650.000 euros ás confrarías da provincia por medio dun convenio asinado esta mañá entre o presidente da Federación, José Antonio Gómez Castro, e o titular da Administración provincial, Rafael Louzán.

Ó comezo do acto, no que tamén participaron os representantes dos 21 pósitos da provincia, Rafael Louzán quixo trasladar a solidariedade e o pésame da institución “a toda a familia mariñeira e, en especial, ás familias, amigos e compañeiros das vítimas” da traxedia do Mar de Marín, tras o cal se gardou un minuto de silencio na súa memoria.

Neste acto de solidariedade Louzán tivo palabras de afecto para as familias dos dous desaparecidos, que, segundo dixo, “están pasando o que quizais sexa un dos peores momentos que se poden pasar: a anguria da desaparición dun ser querido”.

Reactivar un sector moi castigado polo mal tempo

Tras o minuto de silencio asinouse o convenio, ó abeiro do cal a Deputación de Pontevedra destina 484.000 euros para mellorar a produción e a comercialización no sector pesqueiro e marisqueiro.

A esta cantidade hai que sumar os 150.000 euros das 15 bolsas do Plan de práctica laboral, que lles permiten a outras tantas confrarías contar durante todo este ano con 15 titulados universitarios e de FP.

En total serán preto de 650.000 euros destinados a apoiar un sector estratéxico na provincia, que, en palabras do presidente da Deputación e do máximo responsable da Federación de Confrarías, está atravesando “un ano especialmente difícil” como consecuencia dos sucesivos temporais que afectaron tanto á pesca coma ó marisqueo.

Louzán amosouse confiado en que esta achega, que vai destinada en boa medida a rexenerar os bancos marisqueiros por medio da adquisición de semente de bivalvos, “lle permita ó sector recuperar posición no mercado e capacidade de produción”, para que volva ser “motor de recuperación, despois dun inverno durísimo”.

Ademais de para a adquisición de semente, a achega da Deputación permitirá cubrir outras necesidades das confrarías coma a aplicación de novas técnicas para a modernización do proceso de produción e comercialización, a adquisición de equipamentos de frío industrial ou a mellora do equipamento técnico e sanitario das lonxas.

O reparto das achegas entre os 21 pósitos realizarase segundo uns criterios que previamente acordou a Federación coas confrarías en función das necesidades expostas por estas.

Confrarías participantes no acto:

Confraría de Pescadores Virxe do Carme, Arcade
Confraría de Pescadores La Anunciada, Baiona
Confraría de Pescadores San José, Cangas
Confraría de Pescadores San Martín, Moaña
Confraría de Pescadores San Juan, Redondela
Confraría de Pescadores  San Francisco, Vigo
Confraría de Pescadores Santa Tecla, A Guarda
Confraría de Pescadores San Cipriano, Aldán
Confraría de Pescadores  San Martín, Bueu
Confraría de Pescadores Sta. María del Puerto, Marín
Confraría de Pescadores San Andrés, Lourizán
Confraría de Pescadores San Telmo, Pontevedra
Confraría de Pescadores San Gregorio, Raxó
Confraría de Pescadores Sta. Rosalía, Sanxenxo
Confraría de Pescadores San Roque, Portonovo
Confraría de Pescadores San Martiño, O Grove
Confraría de Pescadores San Antonio, Cambados
Confraría de Pescadores La Pastoriza, Vilanova de Arousa
Confraría de Pescadores San Xulián, A Illa de Arousa
Confraría de Pescadores Virxe do Rosario, Vilaxoán
Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, Carril
2 de abril de 2014 | 15:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.