A Deputación de Pontevedra iniciou os obradoiros de autoemprego no medio rural na Mancomunidade do Ulla-Umia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 A Deputación de Pontevedra iniciou hoxe no Concello de Portas, os obradoiros de autoemprego e cooperativismo no medio rural no marco do proxecto “aQuelando3”, nunha xornada na que estivo presente a deputada provincial Begoña Estévez.  

Durante a mañá, os técnicos da Rede Eusumo da Xunta de Galicia asesoraron ós participantes na detección de necesidades e ideas de negocio innovadoras e levaron a cabo casos prácticos, coa colaboración de FADEMUR (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais) e COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade).

A próxima xornada desenvolverase o vindeiro mércores día 9, na que os asistentes recibirán formación sobre Fórmulas de autoemprego, nunha actividade na que colabora AEMPE, e téncicos do IGAPE informarán das axudas ó emprendemento.

A xestión das cooperativas será o último dos temas que se abordará nestas xornadas, tamén da man de técnicos da Rede Eusumo.

Labor conxunta

A estes obradoiros seguiranlle outros cinco que se desenvolverán nas comarcas de Arousa, Baixo Miño, Deza, Val Miñor e Condado-Paradanta co obxectivo de impulsar o autoemprego, así como de formar e asesorar ós emprendedores sobre diferentes aspectos, como os estudos de mercado, as axudas, a xestión de cooperativas ou as diferentes fórmulas de autoemprego reguladas en España e en Galicia.

Estas actividades forman parte do convenio do Pacto pola Calidade e a Productividade Social no Emprego, co que a Deputación, por medio do proxecto “aQuelando3”, pretende implicar ós axentes sociais e ás administracións supramunicipais no desenvolvemento do rural e dunha economía máis social.

Con este obxectivo, asinouse un convenio coas Mancomunidades dos Vales Ulla-Umia, do Salnés, do Baixo Miño, de Terras do Deza e de municipios do Val Miñor, así como co Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta, Cruz Vermella Española, COGAMI, FADEMGA, Cáritas, Fundación Érguete, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), a Asociación de Empresarios de Mediana e Pequena Empresa (AEMPE), a Asociación Provincial de Autónomos de Pontevedra, a Asociación de Empresarias de Pontevedra, os sindicatos CC.OO e UXT e a Universidade de Vigo.

Creación de Servizos de proximidade

Ó abeiro deste convenio organízanse os obradoiros de autoemprego e outras accións encamiñadas a promover, por medio da acción conxunta, o emprego nos diferentes concellos da provincia, con especial incidencia na creación de servizos de proximidade.

Neste sentido, todas as organizacións implicadas participan na planificación dos obradoiros e das actividades que se desenvolven nos diferentes municipios, co obxectivo de adecuar as mesmas á situación e ás necesidades concretas de cada área.

7 de abril de 2014 | 20:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.