A Deputación aproba a subministración de produtos alimenticios para os campamentos de verán da Lanzada
A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá o subministro de produtos alimenticios para os campamentos de verán que se desenvolverán nas instalacións do centro de vacacións da Lanzada, por un importe total de 74.630 euros. Tanto a dotación de alimentos como a prestación do servizo farase con medios propios por considerarse que se realizará con maior eficiencia de forma que axilice o funcionamento dos campamentos.
O subministro de alimentos e a prestación do servizo realizarase con medios propios para conseguir un desenvolvemento óptimo e maior eficiencia.
O orzamento comprende catro dotes de produtos: lácteos, conxelados, produtos de almacén e despensa por valor de 44.000 euros, (16.820 euros), froitas e verduras (8.300 euros), e produtos de panadería (5.510 euros).
2.200 participantes
Os campamentos da Lanzada desenvolveranse dende o 22 de xuño ata o 6 de setembro organizados en 11 quendas, sendo a primeira do 22 de xuño ao 28 de xuño e as seguintes en semanas sucesivas, ata rematar na quenda do 31 de agosto ao 6 de setembro. A Lanzada contará coa participación dun total de 2.200 nenos e nenas con idades comprendidas entre os oito e os trece anos onde disfrutarán de actividades variadas, como teatro, contacontos, xogos e deportes, actividades artísticas e culturais, entretemento nocturno, sensibilización ambiental, actividades na praia…
O organismo provincial tamén vai desenvolver os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe no que se darán cabida a 300 nenos e nenas e que se realizarán en 6 quendas de 50 participantes cada unha e van dirixidos a nenos e nenas de 7 e 14 anos. A primeira quenda será do 7 ao 12 de xullo e o último do 18 ao 23 de agosto.
Tanto o campamento da Lanzada como os polideportivos do Príncipe Felipe contan cunha extraordinaria acollida tanto entre os máis pequenos como entre as súas familias, xa que contribúen tanto á conciliación da vida familiar e laboral como ao desenvolvemento social e persoal dos máis pequenos.











