A CEP advirte que a desaparición dalgúns partidos xudiciais prexudica a competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) está a favor dunha reordenación administrativa da xustiza, para lograr maior eficiencia e eficacia.

“A CEP está a favor da modernización e racionalización da administración da xustiza”, afirma Luís Novoa, presidente da CEP, quen agrega que desde a Confederación apoiarase toda decisión que contribúa a simplificar procesos e a eliminar papelorio e desprazamentos innecesarios. “Por iso creemos imprescindible que se dea un impulso definitivo ao uso das novas tecnoloxías, de modo que os trámites ordinarios poidan realizarse telemáticamente”, explica.

No entanto, considera que o anteproxecto de Lei Orgánica de Poder Xudicial supón unha ameaza para a competitividade das empresas da provincia ao reducirse a un único partido xudicial os actuais 13 con que conta Pontevedra actualmente.

Isto obrigaría aos empresarios pontevedreses a desprazarse á capital da provincia para realizar trámites no marco do dereito civil, e até A Coruña no caso de causas penais, o cal suporía unha perda de competitividade por ter que asumir uns maiores custos de desprazamento e ter que investir máis tempo a estes mesteres.

“Avogamos porque se manteña un tribunal de instancia provincial para o norte da provincia, en Pontevedra, e outro para o sur, con sede en Vigo. Ademais, esperamos que respecten xulgados delegados ou desprazados naquelas poboacións onde sexan necesarios”, explica Luís Novoa.

Neste sentido, subliña que, sen caer en duplicidades, débense ter en conta determinados criterios de racionalidade, como a distancia coa sede do partido xudicial, as vías de comunicación, o volume de poboación, o número de casos atendidos anualmente ou a dispoñibilidade dunha fluidez telemática imprescindible.

9 de abril de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.