Un total de 30 empresas da Comarca do Deza promocionarán os seus produtos en Alimentaria 2014
Un total de 29 empresas da comarca do Deza promocionarán os seus produtos na feira Alimentaria 2014, que se desenvolve en Barcelona do 31 de marzo ao 3 de Abril.
Farano no stand co que a Deputación de Pontevedra participa neste evento e no marco do proxecto depoDeza, financiado ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
A relevancia de Alimentaria convértea nun escaparate ideal para a promoción dos produtos alimentarios e para a súa difusión de cara á exportación. Nos seus 95.000 metros cadrados de superficie, danse cita 3.800 empresas expositoras e agárdase que a visiten unhas 140.000 persoas, 40.000 delas compradores estranxeiros.
A presenza de Deza neste evento permitirá dar a coñecer as súas carnes de tenreira, porcino, galo de curral, embutidos, produtos ecolóxicos, pan, mel, repostería, viños e licores. Todos eles compoñen a variada oferta que as empresas desta comarca presentan en Alimentaria, co distintivo común da calidade.
Degustacións
Seguindo a liña marcada pola propia feira, na que este ano participan 50 estrelas Michelin, no stand da Deputación poderanse degustar os produtos do Deza da man do flamante Cociñeiro Galego do ano, Diego López, do restaurante La Molinera; da gañadora en dúas ocasións do concurso Bocadiños de Cocido, Concepción Peiteado, de Restaurante Agarimo; así como do chef Jose Luis Iglesias, de Restaurante Cabanas; ou Luis Alberto Guerreiro, de Las Palmeras, gañador do certame Deztapate 2013.
Galo de Curral, Cacheira de Cocido, chuletón de tenreira ecolóxica, roti de coello en pepitoria ou ovos ecolóxicos a baixa temperatura con lascas de queixo curado e confitura de tomate, serán algúns dos pratos que poderán disfrutar os visitantes de Alimentaria de lunes a xoves ás 14 horas no Pavillón 1 (multiproduto) corredor D 125, acompañados dos viños da Adega Castrobey.
Ademais, presentarase ao público nacional e internacional o novo Paté Cremoso de Lacón con Grelos de Embutidos Lalinense e efectuaranse degustacións de queixos e embutidos de todas as empresas representadas, acompañados do excelente pan da comarca.
Das 30 empresas representadas, 9 desprazarán persoal para aproveitar a oportunidade que lles brinda a Deputación de Pontevedra e poder manter un contacto directo con clientes, distribuidores nacionais e internacionais.
Estas accións promocionais axudan a poñer en valor os produtos da comarca e a aposta pola calidade que a Deputación de Pontevedra leva realizando a través de diferentes iniciativas do proxecto depoDeza desde o ano 2011.











