Sale a licitación a asistencia técnica educativa para os campamentos de A Lanzada
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación da asistencia técnico-educativa que se encargará dos campamentos da Lanzada.
O obxectivo é dotar os campamentos dunha boa programación lúdica e educativa, así como do persoal de dirección e monitores cualificados para a atención dos 2.200 nenos e nenas que participarán nestas actividades organizadas pola institución provincial
Os campamentos desenvolveranse en 11 quendas de 200 cativos cada unha; a primeira será do 22 ó 28 de xuño e as seguintes en semanas sucesivas, ata rematar na quenda do 31 de agosto ó 6 de setembro.
A Deputación destina 143.000 euros para o financiamento desta asistencia técnica.
Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos e teñen unha elevada demanda. Neles os participantes gozan de actividades variadas, relacionadas coa natureza, os deportes, xogos exteriores e interiores, actividades artísticas, de sensibilización ambiental, actividades na praia…
Nestes momentos está aberto o prazo de inscrición para participar nestes campamentos, que os interesados poderán realizar no Rexistro da Deputación ata o 1 de abril.
Xa que habitualmente a demanda de prazas supera a oferta farase un sorteo entre todos os inscritos para adxudicar as prazas dispoñibles en cada un dos campamentos.
Deste sorteo daráselles prioridade ós nenos e nenas que non participasen neles o pasado ano.











