Rafael Louzán: “Suárez foi unha figura clave na historia do século XX en España”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

“Suárez foi unha figura clave na historia do século XX en España, que se agranda co paso do tempo”. Así o asegurou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que quixo enviar o seu pésame á familia do ex presidente do Goberno, “pero tamén a todos cantos senten a morte dunha persoa que contribuíu enormemente a consolidar a democracia en España”.

Louzán, que lembrou as vinculacións de Suárez con Galicia e as súas estadías na Lanzada, recalcou a súa “herdanza política”, sustentada en tres piares básicos como son “a vocación de servizo público, a súa capacidade de diálogo e a busca do consenso”.

A xuízo do titular da Deputación, estas virtudes que definen ao que fora primeiro presidente da democracia en España, deben servir de exemplo nun tempo “no que ás veces tendemos máis a poñer o que nos separa por riba do que nos une”.

Louzán destacou que a “traxectoria impecable” de Adolfo Suárez fíxoo merecedor “do cariño e o aprecio de todo un país, que hoxe lamenta a morte dun político exemplar e dun verdadeiro home de Estado”.

Para o titular da Deputación, a súa actuación nun momento especialmente delicado da historia deste país, fixo posible que hoxe “vivamos en liberdade”. “Este país ten moito que agradecer á súa figura e á súa persoa”, reiterou.

23 de marzo de 2014 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.