O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle o acto “Con mans de muller”, centrado no labor das palilleiras
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle esta fin de semana diversas actividades en torno ao labor das palilleiras e con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.
Baixo o título Con mans de Muller, organízase unha demostración de palilleiras das asociacións pontevedresas A Fieitiña e Mar de Fíos, unha mostra de encaixes tradicionais e creativos e unha mesa redonda arredor do encaixe de palillos.
O baixo do Sexto Edificio acollerá o sábado, de 11 a 13,30 h. e de 16,30 a 18:30 h. unha demostración de palilleiras das asociacións anteditas e unha mostra de encaixes tradicionais e creativos. Esta mostra permanecerá tamén aberta o domingo 9, de 11,00 a 14,00 h.
O sábado ás 19,00 horas no salón de actos terá lugar unha mesa redonda arredor do encaixe de palillos na que intervirán Mariña Regueiro, que tratará sobre o encaixe e a pintura a través dos fondos do Museo; Mario Gallego, que se centrará nas palilleiras de Pontevedra e o papel do home en relación a esta artesanía; Esperanza Marín, que falará acerca do oficio tradicional do encaixe de palillos en mans das mulleres e Ana Rosa Lista que falará do encaixe creativo e da mestura de tradición e modernidade.











