O Sexto Edificio do Museo acollerá a obra “Pazos gallegos. Materiales para su estudio”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo acollerá mañá, martes, ás 20,00 horas, a presentación do libro Pazos Gallegos. Materiales para su estudio. Trátase dunha obra coa que a Deputación de Pontevedra saca á luz diversos materiais froito dun longo traballo comezado en 1840 por Miguel Durán-Loriga y Salgado.

O obxectivo de Durán-Loriga, animado polo seu vello amigo o doutor López Suárez “Xan de Forcados“, era a edición dunha publicación sobre os pazos e casas señoriais de Galicia. Para colaborar con el e abordar a vertente histórica e xenealóxica da obra contaban con Antonio Taboada Roca.

O proxecto consistía en publicar unha primeira parte con estudos monográficos duns 300 pazos galegos e, de cada un deles, habería unha descrición arquitectónica da casa e o seu contorno, completada con planos, debuxos e fotografías realizados todos por Durán-Loriga. Taboada Roca engadiría o referente á historia do pazo e dos seus señores. Completaríase a obra con documentos históricos, árbores xenealóxicas e outra documentación que existise e que figuraría nos apéndices.

Estudo inconcluso

Pero a morte de Durán-Loriga en 1950 deixou inconcluso o traballo. Malia todo, os cinco veráns (de 1945 a 1949), que Miguel Durán-Loriga e Antonio Taboada Roca percorreron gran parte de Galicia para estudar directamente os pazos deu lugar a multitude de notas, debuxos, planos e fotografías realizados todos por Durán-Loriga e que hoxe en día forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra, despois de que os seus fillos, Juan e Miguel, os entregasen a esta institución en 1981.

A Deputación de Pontevedra quixo contribuír a que este arduo traballo non quedase no esquecemento e agora sácao á luz nunha obra de utilidade incuestionable para o estudo da arquitectura e a cultura dos pazos galegos.

Na presentación da obra participará a deputada Ana Isabel Vázquez e o fillo do autor, Juan Durán-Loriga Rodrigáñez, diplomático e embaixador de España en distintos países, que contará de primeira man a ardua tarefa realizada polo seu pai e que culmina con esta publicación.

Ademais, a presentación complementarase coa exposición dunha selección da documentación que deu orixe á publicación e entre a que figuran notas manuscritas descritivas, debuxos e planos realizados a man e sobre o terreo, así como fotografías.

Documental sobre José Gil

Por outra banda, o Museo acolle tamén esta semana a presentación dun documental sobre José Gil, considerado como o primeiro cineasta galego.

Baixo o título, José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine, Miguel A. Romero achéganos á vida e paixón de José Gil, autor da considerada primeira película galega de ficción Miss Ledya, producida en 1916.

José Gil (Rubiós, 1870 – Vigo, 1937), traballaba inicialmente en Mondariz e Ourense, pero xa en 1904 se trasladou a Vigo, en busca dun  mercado novo no que traballar sen competencia.

Alí, o seu gabinete fotográfico chegou a ser o máis importante da cidade. Malia todo, nos primeiros anos do século XX a vida destes gabinetes comezou a declinar e os fotógrafos tiveron que buscar novos camiños.

Un deles foi o reporteirismo fotográfico, que José Gil desenvolveu na revista ilustrada Vida Gallega, fundada polo insigne xornalista Jaime Solá.

O outro camiño era o do cine, e tamén neste destacou José Gil.

Coa súa empresa, Galicia Cinegráfica, retratou a sociedade galega e o mundo da emigración, tema principal na súa obra, loitando por establecer as bases dunha industria cinematográfica en Galicia. Empresario emprendedor y polifacético, foi representante da marca Ford e Texan para Galicia e ideou tamén diferentes inventos, como o Automotor Cine, un vehículo provisto dun proxector cinematográfico co que tratou de levar os seus filmes aos lugares máis recónditos do territorio.

17 de marzo de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.