O Pazo de Rubiáns estrea o seu nomeamento como Xardín de Excelencia Internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Pazo de Rubiáns celebra o seu nomeamento como Xardín de Excelencia Internacional sumándose ó Día Internacional do Cocido na Rede, o Cocido Day, que mañá se celebra impulsado por blogueiros galegos a través das redes sociais.

A Sociedade Internacional da Camelia outorgoulle onte, no Congreso Internacional que ten lugar en Pontevedra, a distinción de Xardín de Excelencia Internacional ó Pazo de Rubiáns, que se suma a esta distinción que xa ten o Castelo de Soutomaior e que fai destes dous xardíns pontevedreses os únicos de España con este recoñecemento internacional.

O feito coincide coa iniciativa do Pazo de Rubiáns de unirse mañá ó Día Internacional do Cocido na Rede. E faino cun obxectivo claro: que a flor de inverno de Galicia, a camelia, se una ó prato de inverno por excelencia de Galicia, o cocido, nun evento de excelencia internacional.

Cociñarán o prato Kiko Piñeiro, Premio Nacional de Gastronomía 2011, e o seu colaborador, Mark, e participarán no evento Turismo Rías Baixas, Turgalicia, varios operadores turísticos, blogueiros galegos e membros da web “La alacena roja”, entre outros.

Para levar a cabo este evento doaron a carne precisa a Asociación do Porco Celta, a DO Monterrei e a bodega Crego e Monaguillo.

O acto incluirá unha visita guiada ó recente Xardín de Excelencia Internacional do propio Pazo de Rubiáns.

14 de marzo de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.