O novo punto de control do marisqueo da confraría de Lourizán recibe 180.000 euros
A Consellería do Medio Rural e do Mar destinou preto de 180.000 euros á construción do novo punto de control do marisqueo da confraría de Lourizán, en Pontevedra. A conselleira Rosa Quintana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta tarde na inauguración destas instalacións, situadas ao pé da autovía que comunica Marín con Pontevedra.
Neste acto, Rosa Quintana puxo de manifesto a colaboración entre a Consellería e o sector do marisqueo de cara a unha axeitada xestión dos recursos marítimo-pesqueiros e marisqueiros, ao que contribúe, dixo, este punto de control. A conselleira destacou que estas instalacións son básicas para a xestión do marisqueo e felicitou á confraría de pescadores de Lourizán por incorporar esta ferramenta, que –engadiu– será de gran utilidade no seu labor diario.
Estas instalacións darán servizo a 137 mariscadoras da Confraría “Santo André” de Lourizán e tamén tamén ás de Pontevedra e Raxó, cando se leven a cabo labores do Plan Conxunto,polo tanto este punto de control supón un beneficio en termos de tempo, comodidade e seguridade, para case 400 profesionais.
Ata agora a confraría de Lourizán, cunha importante actividade do marisqueo a pé, non dispoñía dunhas instalacións axeitadas para a realización dos labores de control e clasificado do marisco capturado no banco de Placeres, debendo cruzar as mariscadoras a autovía Pontevedra-Marín para poder acceder ao local do pósito onde dar conta do produto capturado.
Instalacións
O punto de control do marisqueo en Lourizán é un edificio construído en estrutura de madeira laminada con acabado en madeira envellecida para adaptarse ao entorno das pasarelas existentes tanto para acceso aos bancos marisqueiros como para cruzar a autovía que comunica Pontevedra con Marín.
O edificio ten 119,81 m2 de planta e consta dun espazo para instalar as máquinas clasificadoras de marisco, un vestiario e aseo e unha zona de almacenaxe en andeis, oculta na parede do local das máquinas clasificadoras, así como unha zona exterior de carga de vehículos.
O seu deseño permite un circuíto de acceso con entrada a través dunha rampla suave e a saída por unhas escaleiras desde a zona de carga que facilita a organización da recollida do marisco e a súa clasificación así como a posterior carga en vehículo para traslado á lonxa.











