O Museo de Pontevedra conmemora o cuarto centenario da morte de El Greco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 O Museo de Pontevedra súmase á conmemoración do cuarto centenario da morte de El Greco con visitas comentadas ás obras do seu taller e con actividades orientadas a achegar os máis pequenos á unha das figuras máis representativas da pintura universal.

Os rapaces serán os protagonistas das actividades o 14, 15 e 16 de abril, con obradoiros dirixidos a nenos de entre 6 e 10 anos que, baixo o título Quen foi El Greco?, buscan non só dar a coñecer este pintor de final do Renacemento, senón tamén crear nos máis novos interese pola pintura, pola creación artística e polas coleccións do Museo.

En 2 horas (de 11 a 13) os participantes en cada un dos obradoiros visitarán as dúas obras que posúe o Museo atribuídas ó taller do autor, e, por medio de xogos e actividade plástica, achegaranse á concepción particular que Doménikos Theotokópoulos tiña da cor, das formas e doutros elementos artísticos, ademais de á súa biografía e, incluso, á vestimenta da época.

Unha das actividades manuais que realizarán os máis pequenos é a confección dunha gola, tan característica da época e que, polo tanto, é frecuente nos retratos realizados por El Greco.

Visitas comentadas

Tamén os adultos terán ocasión de achegarse á figura deste célebre pintor da man do persoal do Museo de Pontevedra, con visitas comentadas ás dúas obras do seu taller (Expulsión dos mercaderes do templo e San Pedro e San Pablo) que custodia o Museo e que se atopan en exposición permanente no primeiro andar do edificio Castro Monteagudo, nas salas de Pintura Española.

O persoal do Gabinete Didáctico será o responsable destas visitas, nas que se que establecerá unha análise comparativa entre estas obras de arte atribuídas ó obradoiro do autor cretense e cadros da mesma temática asinados directamente polo artista.

Ademais, farase un achegamento ó funcionamento dos talleres de pintura daquela época, completándose as visitas coa observación da obra de dous pintores galegos que reflicten unha clara influencia da súa pintura: Jesús  Rodríguez Corredoyra e Pedro García Lema, ambos os dous con presenza no Sexto Edificio do Museo.

Tanto para participar nos obradoiros infantís como nestas visitas comentadas -que se desenvolverán os xoves 3, 10 e 24 de abril ás 18,30 horas, e o 17 e o 18 ás 12,00 horas- é preciso inscribirse a través da dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, ou ben chamando ó teléfono 986 804 100, extensión 42413.

26 de marzo de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.