O Museo de Pontevedra abre un ciclo de conferencias sobre o papel das mulleres na arte
Elena Colmeiro, Almudena Fernández e Beatriz de San Ildefonso participarán desde este xoves, 27 de marzo, nun ciclo de conferencias co que se quere poñer de relevo o papel das mulleres no mundo da arte, un papel que poderá tamén percibirse directamente coa exposición que se inicia o 4 de abril, con obras de Elena Colmeiro.
O ciclo de conferencias, titulado Mulleres Artistas e que forma parte dos actos cos que a Deputación se suma ao festival Miradas de Mulleres, abrirase coa intervención da ceramista e escultora Elena Colmeiro, que achegará aos interesados á súa visión persoal das mulleres artistas coetáneas, baixo o título Elena Colmeiro e as artistas da súa xeración, a súa experiencia persoal. A charla terá lugar no Sexto Edificio ás 20,00 horas.
A ela seguiralle, o venres 28, unha charla de Almudena Fernández Fariña sobre a súa obra e as artistas da súa xeración, tamén desde o punto de vista da experiencia persoal.
Pechará o ciclo o 3 de abril a conservadora do Museo de Pontevedra Beatriz de San Ildefonso, que disertará sobre a presenza de mulleres artistas neste museo.
47 obras
Ao día seguinte, o venres 4 de abril, Elena Colmeiro volverá ser protagonista no Museo, cunha exposición que permanecerá aberta ata o 4 de maio. A mostra recolle 47 obras desta escultora-ceramista silledense, que supón un percorrido pola evolución da artista desde finais dos anos sesenta ata a actualidade.
Pode apreciarse, desta forma como a artista loita foi avanzando na súa actividade creadora, pasando do uso máis tradicional e utilitario da cerámica a converter esta nun material máis dos utilizados nas súas esculturas. A cerámica cobra así unha nova vida.
Tamén se pode apreciar nas súas obras o papel fundamental que ten xogado a súa fascinación polas fábricas, polos materiais industriais, polos cemiterios de refugallos, polos crisois. O material refractario, o carbono de silicio ou o ladrillo sérvenlle para poder expresar as ideas que xorden na súa cabeza. A valoración do fragmento que fora rexeitado, tanto de material industrial como de pezas cerámicas súas, adquiren un novo significado ao seren introducidas en novas obras e reiteran a súa idea de acumulación constante de experiencias.











