O goberno galego colabora con 14 festas de interese turístico de Galicia da provincia de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá o apoio da Axencia de Turismo de Galicia as 14 Festas de Interese Turístico de Galicia de cara a súa promoción e difusión, entre as que se atopa a 66 edición da Troita de Ponte Caldelas.
Deste xeito, segundo se publicou esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia, a Xunta destinou case 48.500 euros para estes fines aos concellos de A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Cuntis, Marín, Moraña, Ponte Caldelas, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tui e Vila de Cruces.
“O obxectivo é potenciar as manifestacións culturais que supoñen unha valoración da cultura e tradición popular”, explicou Cores Tourís, “como é o caso da festa da Troita de Ponte Caldelas que recibiu 3.500 euros para potenciar este evento”.
A festa do Xamón, da Lamprea ou do Requeixo e do Mel, na comarca do Condado e A Paradanta, así como a festa do Lacón con Grelos de Cuntis, a do Salmón de A Estrada, a de San Miguel de Marín, a do Carneiro ao Espeto de Moraña e as de o Corpus Christi e a do Choco, ambas en Redondela, tamén obtiveron estas axudas fixadas en 3.500 euros por evento. As Festas de San Telmo de Tui, as da Ostra de Arcade en Soutomaior e a do Galo do Curral tamén se viron beneficiadas por estas subvencións, mentres que a da Empenada de Silleda recibiu 2.950 euros de cara a súa promoción e difusión.
Cores Tourís recordou que a Axencia de Turismo de Galicia considera que as festas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico son un recurso “que hai que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística e, por suposto, un incentivo para as economías locais”.
En relación a Festa da Troita de Ponte Caldelas, Cores Tourís recordou que soen ser unhas 10.000 persoas as que gozan deste evento que comezou a ser unha realidade no ano 1.967, e na que destaca a gastronomía e o Concurso Internacional de Pesca na modalidade de salmónidos, aproveitando a gran afluencia de troitas que se atopan nos ríos que atravesan polo termo municipal. “Non podemos esquecer que este concurso é precisamente coñecido polos afeccionados a este deporte de toda Galicia e incluso Portugal, polo que aglutina a grande cantidade de pescadores que agardan cada ano tan ansiada cita”, rematou o delegado territorial.











