Louzán eloxia a figura de Adolfo Suárez e asegura que “España ten moito que lle agradecer”
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou esta mañá a contribución de Adolfo Suárez a facer de España o país que hoxe é, “cunhas condicións que nos permiten unha convivencia en liberdade” e incidiu en que “este país ten moito que lle agradecer á súa figura e á súa persoa”.
Louzán fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde asegurou que o ex presidente do Goberno, “que leva xa algún tempo” cunha situación delicada de saúde, ten “o cariño e aprecio da inmensa maioría do pobo español”.
Quixo, así mesmo, trasladar “a nosa solidariedade con toda á súa familia” nuns momentos difíciles coma os que están atravesando nestes momentos, e incidiu en que Suárez “é unha das persoas clave na historia do século pasado en España”.
Alcalde de Bilbao
Así mesmo, o presidente da Deputación aproveitou tamén para enviar o pésame á familia de Iñaki Azkuna Urreta, alcalde de Bilbao, falecido onte despois de máis de dez anos loitando contra o cancro.
Louzán subliñou que se trata “dunha persoa íntegra” que “levou con moitísima dignidade” a súa enfermidade, e quixo enviar as súas condolencias “ó entorno familiar e a todos os bilbaínos, que apreciaban a esta persoa”.











