Convócanse 400 novas prazas de práctica laboral en empresas para titulados universitarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

400 novos titulados universitarios ou de formación profesional da provincia de Pontevedra poderán beneficiarse do novo Plan de práctica laboral en empresas que acaba de convocar a Deputación de Pontevedra. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe as bases do programa e abre o prazo para que as empresas interesadas en acollerse a este plan poidan presentar as súas solicitudes.

As empresas disporán de 20 días hábiles, ata o 7 de abril, para solicitar os bolseiros; unha vez seleccionadas as empresas e definido o perfil dos titulados que demandan, convocaranse as bolsas, para as que, tal e como sinalou o presidente da Deputación, existe un orzamento de 4,2 millóns de euros.

A selección das empresas farase tendo en conta o contido do proxecto de práctica laboral que presenten e o compromiso de contratación; posteriormente seleccionaranse os bolseiros atendendo ás titulacións demandadas polas empresas.

Requisitos

Non só poderán beneficiarse deste II Plan de práctica laboral en empresas as compañías que teñan a súa sede social na provincia senón as que teñan un centro de traballo nalgún dos seus 62 concellos.

En calquera caso, deberán cumprir unha serie de requisitos, entre os que figura a obriga de non extinguir os contratos laborais vixentes e que non realizasen despedimentos improcedentes de ningún traballador. Así mesmo, esixiráselles que a súa actividade teña relación coa titulación que demandan e que estean inscritas no rexistro público correspondente.

Ademais, terán que presentar o programa formativo e de prácticas que ofertan para o bolseiro; no caso de que requiran coñecementos específicos de idiomas deberán facelo constar expresamente na solicitude.

Á hora de adxudicar as bolsas, terán preferencia aquelas empresas que non foron beneficiarias do plan anterior e, en segundo lugar, as que foron beneficiarias do plan e obtiveron unha avaliación positiva por parte da comisión de seguimento.

Unha vez adxudicadas as bolsas para estes dous grupos de empresas, adxudicaránselles a colexios, cámaras, federacións, confrarías e outras entidades similares que non foron beneficiarias do anterior plan e ás que, sendo beneficiarias, teñen unha boa valoración.

No que respecta ós bolseiros, poderán beneficiarse destas axudas os titulados universitarios e de formación profesional que finalizasen os estudos despois do 1 de xaneiro de 2005, que non teñan experiencia laboral previa na titulación na que van realizar as prácticas e que non sexan beneficiarios na actualidade de ningún dos plans de práctica laboral postos en marcha pola Deputación.

Ademais da convocatoria por titulacións, poderán establecerse convocatorias específicas para aquelas bolsas nas que se requira un bo dominio dun ou máis idiomas. Os que opten a estas bolsas terán que superar unha proba específica de coñecemento do idioma en cuestión.

As bolsas serán de 800 euros mensuais para os titulados universitarios e de 700 euros para os de ciclos superiores.

Satisfacción co plan en marcha

O presidente da Deputación subliñou o alto grao de satisfacción co plan actualmente en marcha tanto por parte dos empresarios coma dos propios bolseiros.

Incidiu en que son moitas as empresas que lle transmiten o éxito desta iniciativa, uns datos que coinciden cos resultados da enquisa que a comisión de seguimento lles realizou ós bolseiros que actualmente están realizando prácticas en empresas e da que se deduce que o 80,7% está satisfeito co programa.

Así mesmo, un 70% afirma que as tarefas que a empresa lle encomenda responden ás expectativas que inicialmente tiña, fronte a un 10% que opina que os traballos encomendados non se adecúan ó seu nivel de estudos e un 7,8% que di que non responden ás súas expectativas.

En canto ó ambiente laboral o 80% declárase plenamente integrado no equipo de traballo da empresa, un 92,9% asegura que as empresas respectan os seus horarios de prácticas e o 86,8% valora os medios e instalacións nos que realizan as tarefas.

Na enquisa reflíctese que os bolseiros valoran especialmente a experiencia e formación que están a adquirir neste período nas empresas, así como as tarefas que realizan, o clima laboral e a oportunidade de inserción que se lles ofrece.

14 de marzo de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.